A Xunta remata a mellora do illamento do centro de día de alzhéimer de Lugo, no que investiu 100.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, visitou as instalacións, que contan con 40 prazas e ofrecen tanto servizos básicos de manutención ou transporte como terapéuticos

Lugo, 15 de xuñode 2022

A Consellería de Política Social e Xuventude vén de rematar as obras de mellora do illamento do Centro de Día de Alzhéimer de Lugo, ás que destinou un orzamento de 100.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións para coñecer o resultado dos traballos, que consistiron na substitución da cuberta, o reforzo dos canlóns e outras labores para resolver con carácter permanente as filtracións de auga, acadando unhas características de illamento que evitan a aparición de humidades e condensación e contribúen a mellorar o confort e benestar das persoas usuarias e persoal traballador do centro.

 

OCentro de Día de Alzhéimer de Lugo conta con 40 prazas para a atención de persoas que sofren algún tipo de demencia. Ofrece servizos básicos, como manutención, coidado persoal ou transporte, e tamén terapéuticos. Entre outras, realizan actividades de pintura, manualidades, música ou novas tecnoloxías, adaptadas á fase da enfermidade na que se atopa cada persoa para que todas activen as súas capacidades e funcións cognitivas.

 

Arias subliñou o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con alzhéimer e ás súas familias, e a estreita colaboración que mantén con Afalu -Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo-, entidade que xestiona o centro de Lugo e o novo centro de día de Friol, que engade outras 14 prazas públicas para estes doentes.

Imaxes relacionadas