A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe nunha xornada de doazón, organizada pola Consellería e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Ángeles Vázquez valora a conciencia solidaria da cidadanía galega que fixo máis de 3 millóns de doazóns de sangue desde 1993

Lembra a importancia de doar sangue como un xesto altruista grazas ao cal se poden salvar moitas vidas

Fai un chamamento especial aos doantes do grupo 0+ xa que se atopa en nivel baixo para aumentar e recuperar o seu ritmo normal

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, valorou  a conciencia solidaria da cidadanía galega, que fixo máis de 3 millóns de doazóns de sangue desde 1993, e lembrou a importancia de doar sangue como un xesto altruista grazas ao cal se poden salvar moitas vidas.

Despois de pasar a doar pola unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) instalada detrás do edificio da Consellería, Ángeles Vázquez incidiu en que os hospitais galegos necesitan cada día entre 400 e 500 doazóns de sangue para atender unha media de 2.800 urxencias, máis de 800 intervencións cirúrxicas e ao redor de 3 transplantes de órganos e tecido, ademais de 1.600 consultas nos hospitais de día.

Co obxectivo de contribuír a atender esa demanda, o departamento autonómico colaborou novamente con ADOS na organización dunha xornada de doazón de sangue nas inmediacións do edificio administrativo de San Lázaro, unha localización escollida para facilitar que todo o persoal da Consellería se poida achegar ata a unidade móbil.

Así mesmo, a conselleira indicou que a maior demanda en Galicia céntrase nos grupos sanguíneos A+ e 0+, xa que son tamén os máis numerosos entre a poboación, pero lembrou que o 0-, ao ser doante universal, é un tipo de sangue que sempre se necesita nos centros hospitalarios porque se pode empregar con todos os pacientes.

A maiores, fixo un chamamento especial aos doantes do grupo 0+ xa que se atopa en nivel baixo para aumentar e recuperar o seu ritmo normal.

Imaxes relacionadas