Miranda evidencia o esforzo de adaptación da Administración galega durante a pandemia para apoiar aos cidadáns do exterior e reclama a mesma implicación do Estado

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe en Madrid ao Primeiro pleno do VIII Mandato do Consejo General da Ciudadanía Española Exterior

Madrid, 14 de maio de 2022 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe a primeira xornada do Pleno do VIII Mandato do Consejo General da Ciudadanía Española Exterior que se está a celebrar en Madrid. Durante a súa intervención, trasladou o esforzo de adaptación realizado durante esta época de pandemia pola comunidade autónoma galega para apoiar aos galegos do exterior e continuar a potenciar o retorno.

 

O secretario solicitoulle ao Goberno de España celeridade no desenvolvemento de todas as medidas necesarias para lograr unha aplicación eficaz do novo sistema de votación trala reforma do voto exterior, así como que realice sen dilacións a reforma normativa necesaria en materia de nacionalidade para incluír aqueles supostos nos que existe un agravio comparativo cos si previstos e recollidos en anteriores normas.

 

Antonio Rodríguez Miranda insistiu na colaboración leal da comunidade autónoma galega, pero engadiu que “colaborar non implica que non vaiamos a por de manifesto os problemas existentes tanto en materia de emigración como de retorno”.

 

“Durante estes dous anos botouse de menos a implicación do Goberno central no apoio aos cidadáns do exterior, un labor que tivemos que afrontar as comunidades autónomas e que supuxo un sobre esforzo a tódolos niveis”, engadiu Miranda, quen recordou que “a competencia do Estado é apoiar ás comunidades autónomas e todos os seus cidadáns, estean ou non, residindo no país”.

 

“Dende a Xunta de Galicia fomos e somos moi activos nas políticas de apoio aos emigrantes e retornados e soubemos adaptarnos a terrible situación que se viviu durante estes anos de pandemia, e por iso reclamamos do Estado o mesmo nivel de implicación”, matizou o secretario xeral.

 

Deste xeito, recordou que dende as comunidades autónomas tivéronse que publicar medidas especiais para reforzar a asistencia aos españois no exterior “ante a falta de sensibilidade do Goberno central nunha situación tan dramática” e incrementar o gasto social exterior.

 

Por todo o anterior, destacou que o Goberno central debe focalizar a atención en solucionar os problemas de aqueles españois que viven no exterior, como mellorar a relación cos residentes do exterior a través das vías telemáticas ou adaptar a rede de consulados ás necesidades de atención en cada país.

 

Tamén solicitou que, en materia de xuventude, o Goberno central faga políticas reais dirixidas aos nosos mozos e mozas nados xa noutros países para reforzar os vínculos con España así como para que poidan formarse e participar nas entidades españolas do exterior, e que se reconsidere a forma de aplicar os sistemas TIC nas aulas de lingua e cultura, que combinándose coa presencialidade, busque o mellor método de ensino para cada etapa.

 

En materia de retorno, o secretario xeral destacou a importancia de que, dende o Estado español se poñan en marcha políticas serias, xa que estamos a falar “dun dereito de todos os españois residentes no exterior, unha oportunidade ante o reto demográfico e unha vantaxe competitiva para o noso país”. Neste senso, segundo o responsable de Emigración da Xunta de Galicia, sería esencial que se axilice a homologación de titulacións universitarias, os permisos de residencia e traballo para as familias españolas retornadas con membros sen nacionalidade, que se desenvolvan políticas de vivenda para estas familias, que se poñan en marcha programas de apoio a integración laboral e se solucionen os problemas de fiscalidade cos que se atopan na actualidade emigrantes e retornados.  

Imaxes relacionadas