O director xeral de Defensa do Monte presidiu hoxe en Santiago a reunión na que se constituíu este Comité

A Xunta e o Estado constitúen o Comité de Coordinación Policial Antiincendios para este ano

Este Comité ten como finalidade coordinar as actuacións entre a Xunta e o Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais na nosa comunidade

Manuel Rodríguez destacou as melloras na organización e coordinación do dispositivo, a ampliación da Rede de videovixilancia forestal, os avances tecnolóxicos e as novas funcionalidades na loita contra o lume

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022 O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, presidiu hoxe en Santiago a constitución do Comité de Coordinación Policial Antiincendios para este ano 2022. Este órgano estará operativo desde o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.

Este comité ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais na nosa comunidade, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados polos lumes no patrimonio forestal.

Na xuntanza, o director xeral de Defensa do Monte lembrou que a Xunta mobiliza na loita contra o lume máis de 7.000 efectivos en época de alto risco, entre os propios da Xunta e os do Estado, ao abeiro -neste caso- do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2022. Nesta campaña, os medios humanos estarán apoiados por 380 motobombas e unha trintena de medios aéreos.

A maiores, recalcou Manuel Rodríguez, o Pladiga 2022 presenta unha serie de novidades, entre as que destacan as melloras organizativas do dispositivo, a ampliación da rede de vixilancia fixa, avances tecnolóxicos e novas funcionalidades na loita contra o lume, o impulso á Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) ou a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria.

Así, creouse o Sistema estrutural de mando operativo, co fin de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. Desta forma, libérase ao director técnico de extinción de cada lume de tarefas secundarias para así reforzar o seu papel na coordinación do dispositivo.

Tamén se reforza a Rede de vixilancia no monte, incorporando seis novas cámaras en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal. No eido tecnolóxico, introdúcense novas funcionalidades canto á reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras coas que conta o Servizo.

Na súa intervención, o representante de Medio Rural tamén se referiu ao impulso á Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e á actualización das parroquias de alta actividade incendiaria. Así, o Pladiga 2022 identifica un total de 35 parroquias, cifra idéntica á do ano pasado, pero co matiz de que 31 delas repiten respecto á anterior campaña. Así, catro destas parroquias saen da listaxe. Trátase das de Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga). Outras catro parroquias entran na listaxe. Son as de Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín).

Por último, o director xeral de Defensa do Monte sinalou que no apartado da formación, estableceuse como novidade a programación dunha serie de encontros en parroquias de alta actividade incendiaria, nos que se calcula que poderán participar ata mil persoas, co fin de concienciar e sensibilizar a poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan para as persoas e para os bens, tanto forestais como non forestais, e como deben actuar ante un lume.

Cómpre engadir que na reunión de hoxe, ademais do director xeral de Defensa do Monte, tamén participaron Fernando Veiga, subdirector xeral de Extinción da Xunta; María Dolores Gómez, xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno en Galicia; Jesús Méndez, xefe de Grupo da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá na Coruña e José Manuel Vázquez, xefe de Operacións da 15ª Zona. Por parte da Unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia (UPA), estiveron presentes o inspector xefe Pablo González, xefe da Sección de Investigación, e o subinspector José Antonio Pérez, xefe do Grupo de Investigación de Incendios. Tamén participaron Carlos Magariños, Aurelio Mosteiro e José María Carlés, axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta.

Imaxes relacionadas