O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presenta xunto aos profesionais o documento final que suma 11 novas propostas ás oito nas que se estaba a traballar

A Xunta e o sector deseñan dunha vintena de proxectos por valor de 372 M€ que avalan a necesidade dun PERTE cultural

Culmina así un proceso participativo iniciado en febreiro para que o sector cultural presentase propostas culturais susceptibles de optar aos fondos europeos

Participaron 55 entidades con 82 achegas que serven tanto para enriquecer os proxectos previamente deseñados como para crear outros novos

Incorpóranse propostas que afondan no patrimonio, no fortalecemento da industria cultural, no libro infantil e xuvenil, nas artes, na música ou na investigación

“As cifras demostran que é momento de que a cultura avance na transformación dixital para o que o Goberno central debe poñer en marcha un PERTE específico que recoñeza o papel da cultura na economía”, indica Román Rodríguez
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou hoxe o resultado do proceso participativo que a Xunta abriu este ano para que a cidadanía, sector, institucións e administracións públicas presentasen propostas culturais susceptibles a optar a fondos europeos e que serán enviadas nun documento final ao Goberno central solicitando un PERTE cultural.

Durante o proceso presentáronse un total de 82 achegas por parte de 55 entidades, entre asociacións, universidades, museos, fundacións, editoriais e empresas privadas. De todos eles, a maior parte, un total de 71, foron propostas que serven para enriquecer, mellorar e completar as oito iniciativas xa esbozadas por parte da Xunta. O resto, un total de 11, son proxectos novos que se incorporan. Deste xeito, a Xunta trasladará a Madrid un total de 19 proxectos vinculados co patrimonio, as artes escénicas, os museos, as industrias creativas, a música ou o audiovisual, que contan cun orzamento global próximo aos 400 M€.

“As cifras demostran que este proceso cumpriu sobradamente os seus obxectivos cunha listaxe de iniciativas froito do debate, diálogo e o intercambio de ideas coas principais demandas do sector cultural. Tamén mobilizamos e implicamos a todos os axentes desta industria no proceso de transformación que suporán os fondos europeos”, expresou o titular de Cultura da Xunta. Como indicou, este proceso participativo constata, ademais que é momento de avanzar en aspectos como a “mellora da competitividade, a sustentabilidade, a transformación dixital ou a internacionalización da cultura”, algo para o que o Goberno central “debe estar á altura das circunstancias e poñer en marcha un PERTE que nos axude a reforzar e fortalecer o sector, como vimos reclamando desde hai meses”.

Como trasladou durante o acto, ferramentas como os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE), que xa se están levando a cabo con fondos europeos noutros sectores, deben chegar tamén á cultura para recoñecer así o seu peso na actividade económica do país. Neste sentido, é necesario que o Goberno central “rectifique e comprenda que o sector cultural ocupa un papel central na nosa economía e na nosa sociedade e que é necesario apostar máis ca nunca de xeito decidido polo seu fortalecemento”, expressou.

Oito propostas enriquecidas

Este proceso participativo serviu, por unha banda, para enriquecer os oito proxectos iniciais que Galicia xa deseñara e que foron debatidos e dialogados nos últimos meses. Foron tres os que concentraron as maiores achegas. Trátase de Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia que se vén de mellorar grazas ás propostas, por exemplo, da Asociación do baile e a música de tradición galega para conformar un amplo programa cultural centrado no folclore. A iniciativa Cultura Circular, para a dixitalización da cultura galega, incorpora achegas, por exemplo, da Universidade de Vigo cunha plataforma online que reúna, preserve e investigue toda a documentación relativa ás artes escénicas de Galicia.

Tamén se enriquece A nosa pegada, para a mellora de bens singulares do patrimonio, que incorpora achegas da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) cunha base de datos dixitalizada que inclúa todos os bens patrimoniais de Galicia, e as propostas do Instituto da Lingua Galega que suxire poñer en marcha unha plataforma hipertextual e multimedia para divulgar o patrimonio histórico-cultural.

Xunto a elas, a Xunta tamén presentará ao Goberno central os outro cinco proxectos inicialmente deseñados: Museo +, para potenciar a súa innovación; Confíns dos verdes castros, para a recuperación do patrimonio arqueolóxico, e Ribeira Sacra, para reforzar a conservación na súa candidatura a Patrimonio Mundial. Tamén outros que xa arrincaron como o proxecto Stellae 5.0, en colaboración coa rede CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo), para impulsar a transición dixital dos recursos patrimoniais dos Camiño de Santiago, e o Proxecto Nós, coas universidades galegas, para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.

11 novas incorporacións

A eles incorpóranse agora 11 novos proxectos froito deste proceso dialogado, cun investimento de 113,7M€, de distintas tipoloxías desde o patrimonio, o fortalecemento da industria cultural e creativa, do libro, das artes, da música e da investigación. Destacan, por exemplo, a creación dunha estratexia de documentación e innovación sobre as prácticas artesanais e oficios tradicionais, presentado pola delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC); a posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos, proposta pola Fundación Paideia ou un proxecto do Centro Dramático Galego para crear residencias comarcais para o fomento das artes escénicas no rural galego.

Ademais, súmase a iniciativa do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e a Real Filharmonía para estudar o impacto dos estímulos musicais en enfermidades como o alzhéimer, párkinson ou o dano cerebral co obxectivo de desenvolver un programa de intervención musical en centros sanitarios ou sociosanitarios. Inclúese tamén a proposta de Apatrigal de reconstruír casas reitorais e mosteiros para uso multifuncional con comunidades autoxestionadas.

A creación dun espazo físico e virtual do Sistema Nacional de Intelixencia Creativa de Galicia (SNIC) para mellorar a competitividade das industrias creativas, proposta pola Asociación Galega de Deseño ou o proxecto de innovación e dixitalización, suxerido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, incorpóranse tamén ao documento xunto á creación dunha oficina que asesore sobre oportunidades de financiamento e acompañe ao sector cultural que propón a Fundación Uxío Novoneyra; ou o proxecto para a ampla difusión do barroco galego dun xeito completo e plenamente documentado, proposta a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes.

Tamén se incorporan proxectos para converter Galicia no centro de referencia internacional da literatura infantil e xuvenil en linguas iberoamericanas e para crear un laboratorio de literatura infantil e xuvenil, a proposta da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX) e a delegación galega do CSIC; así como iniciativas para seguir avanzando na dixitalización do galego xunto á Universidade da Coruña.

Proxectos tractores

“Unha vez rematado o proceso podemos dicir que estamos tremendamente satisfeitos, xa que presentaremos un documento cunha batería de proxectos tractores consensuados por parte do sector cos que agardamos que o Goberno central rectifique e cree o PERTE específico”, indicou Román Rodríguez.
Este proceso para a xestión dos fondos europeos no eido cultural comezou o pasado mes de febreiro, cunha primeira xornada informativa co sector. O traballo continuou con xornadas participativas con oito grupos de traballo distribuídos en Audiovisual, Artes Escénicas, Libro, Música, Institucións culturais (bibliotecas, fundacións culturais, arquivos e museos), Artes Visuais, Patrimonio Cultural e Lingua que se reuniron nos últimos meses e de cuxo diálogo se elaborou este documento final.
 

Imaxes relacionadas