Trenor reúnese cos representantes da Asociación de Hosteleros da Coruña para seguir reforzando as vías de colaboración

O delegado da Xunta destacou que a Xunta mantén unha fluída dinámica de traballo conxunto coa escola, que se traduce para este curso na celebración de nove ciclos de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados (AFD), con máis de 135 prazas e un investimento de máis de 150.000 euros

A Coruña, 14  de xuño de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,  e o subdirector xeral de Formación Profesional, Carlos Vázquez, visitaron esta mañá a Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro da Coruña, onde foi recibido polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña (Hospeco), Héctor Cañete, entidade responsable do centro de formación. No encontro o delegado da Xunta, comprometeuse a seguir traballando xuntos para estudiar novas vías de colaboración.

O representante do Goberno galego aproveitando a visita ao centro fixo un percorrido polas instalacións, no que tivo a oportunidade de saudar a un grupo de alumnos. Héctor Cañete explicou que a Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro inaugurouse o 20 de febreiro de 1999, co firme obxectivo de profesionalizar o sector.

No centro lévanse a cabo completos programas de formación, dirixidos tanto a persoal en activo e empresarios, como a desempregados que desexen profesionalizarse neste sector. No aspecto formativo, a Xunta de Galicia mantén unha fluída dinámica de colaboración coa escola, que se traduce para este curso na celebración de nove ciclos de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados (AFD), con máis de 135 prazas e un investimento de máis de 150.000 euros. Trátase de cursos nas especialidades docencia da formación profesional para o emprego, competencia en matemáticas e comunicación en lingua castelá, inglés e galega.

O delegado territorial agradeceu a hospitalidade da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, e comprometeuse a manter novos encontros para “seguir camiñando xuntos cara á excelencia da oferta turística e gastronómica de Galicia, un tesouro do que todos presumimos, pero que a todos tócanos coidar e mimar”.

Imaxes relacionadas