O hotel Bela Fisterra recibe o certificado Galicia Calidade

Con esta nova incorporación son xa 12 os hoteis que contan con este selo de garantía no conxunto das 150 empresas certificadas

Fisterra (A Coruña), 14  de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ao hotel Bela Fisterra, situado na praia fisterrá de A Langosteira, no trazado do Camiño de Santiago.

O selo, que acredita a calidade dos servizos do complexo turístico, permitirá á empresa incluír o distintivo nas súas instalacións, así como nas diferentes accións de comunicación e promoción. Trátase dun “hotel literario”, o primeiro destas características en Galicia. O establecemento ten a singularidade de inspirar toda a súa identidade na literatura universal do mar.

Os espazos están concibidos e deseñados a partir de textos literarios que versan sobre o mar. Cada zona do Bela Fisterra fai referencia a obras e autores que nalgún momento da súa carreira fixeron o seu particular homenaxe ao mar; cada habitación está dedicada a unha obra e autor concretos. Asemade, a través de códigos QR pódese acceder aos textos completos e a biografía do autor en cada caso.

Instalacións de xeotermia certificadas

O hotel Bela Fisterra xa estaba en posesión do selo Galicia Calidade polas súas instalacións de xeotermia, unha certificación que entregou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o pasado mes de outubro, e que agora se fai extensiva a todos os servizos do establecemento

Ana Méndez destacou a aposta pola calidade deste hotel e puxo en valor a particularidade que supón na oferta turística de Galicia pola súa identidade vinculada á literatura e ao mar, “como claro expoñente do talento e da creatividade do empresariado galego e, en particular, desta iniciativa que harmoniza de forma tan natural arquitectura, paisaxe, mar e literatura”.

Coa incorporación do Bela Fisterra xa son 12 os hoteis que contan co selo de Galicia Calidade no conxunto das 150 empresas certificadas con máis de 600 produtos e servizos certificados co selo de garantía, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

Imaxes relacionadas