A Xunta coordina un simulacro de activación do Plan de emerxencia exterior da empresa Foresa en Caldas de Reis

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, participaron na actuación para comprobar a coordinación en caso de emerxencia real e mellorar a resposta

No exercicio simulouse un derrame de acetato de vinilo que produciu unha radicación térmica que afectou a un operario da empresa

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de xuño de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, participaron esta mañá no simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da empresa Foresa nas instalacións que ten no concello para comprobar a coordinación dos distintos grupos operativos e administracións implicadas no caso de emerxencia. 

A Xunta colaborou nesta actuación coa empresa Foresa, e os concellos de Caldas de Reis e Portas co obxectivo de poñer a proba o Plan en caso de emerxencia real e garantir unha rápida resolución. Ademais, serviu para proceder á actualización e revisión do PEE incidindo naqueles aspectos nos que se considere preciso actuar para mellorar a operatividade.

Con este exercicio, preténdese comprobar que os procedementos de traballo e os medios humanos e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.

 

O simulacro comezou ás 11,00 horas, e baseouse nun derrame de acetato de vinilo no cubeto de retención por sobreenchido do depósito ou rotura de tubaxe, o que produciu un incendio con material inflamable cunha radiación térmica que afectou a un operario.

 

No exercicio actuaron persoal da empresa Foresa xunto coa mobilización de efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Salnés, Policía Local, Policía Autonómica, membros do Centro Operativo de Servizos (COS) para a seguridade cidadá e do Centro Operativo de Tráfico (COTA) da Garda Civil, o 061, e voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Caldas de Reis e Portas.

A directora de fábrica activou o seu Plan de Emerxencia Interior e chamou ao CIAE 112 solicitando comunicación co técnico de garda, a quen informou do accidente e a brigada de primeira intervención da planta trasladase no lugar da emerxencia.

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, unha vez recibida a información, e avaliada polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), ordenou a activación do Plan de Emerxencia Exterior, antes de proceder a dar aviso a todos os membros e organismos con funcións no PEE.

Aposta pola prevención

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Deste xeito, estes exercicios permiten dar a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

As normativas europea (directiva SEVESO) e a estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar plans de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais. Estes plans teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

Imaxes relacionadas