O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro esta semana coa conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo

A Xunta busca o apoio de Pymar para definir iniciativas que se axusten aos fondos europeos no marco da Estratexia Naval

Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que o Goberno galego vén mantendo cos diferentes axentes desta industria para incorporar as súas achegas a este nova folla de ruta para o sector en Galicia

Sendo unha das comunidades que conta con máis empresas vinculadas ao sector, a Xunta agarda que o papel das pemes galegas no Perte do naval poida ser significativo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro coa conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo, con quen abordou os obxectivos da Estratexia Naval, que ha de definir, tamén, distintas iniciativas que se axusten ao Perte aprobado para o sector e do que está pendente por parte do Goberno a convocatoria das axudas aos fondos europeos.

Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que a Xunta de Galicia vén mantendo cos diferentes axentes desta industria para incorporar a este novo texto as súas achegas. Neste caso, a colaboración de Pymar é fundamental para identificar proxectos promovidos polas empresas galegas do naval que poidan optar aos fondos europeos, presentando especial atención non só aos estaleiros, senón tamén á industria auxiliar e a toda a rede de pequenas e medianas empresas do ecosistema empresarial asentado en Galicia.

O Perte do naval conta cun orzamento de 310 M€ cos que se prevé mobilizar 1.460 M€. Á espera de confirmar que as primeiras convocatorias se poidan abrir proximamente por parte do Goberno central, estas axudas están relacionadas coa modernización e diversificación do sector e coas tecnoloxías navais. Polo tanto, sendo Galicia unha das comunidades que conta con máis empresas vinculadas a esta industria, a Xunta agarda que o papel das pemes galegas neste Perte poida ser significativo.

Galicia ve nos fondos europeos unha oportunidade para transformar a cadea de valor da industria naval galega abordando o reto da dixitalización e a diversificación do sector cara a segmentos como a eólica mariña, no que Navantia Fene é xa un referente. Ademais, os esforzos tamén deben estar postos en mellorar a formación dos profesionais que traballan nesta industria para xerar emprego cualificado.

Tal e como explicou Conde, a Estratexia Naval centrarase, pois, no impulso a proxectos tractores da man de entidades como Pymar. E, xunto con isto, tamén lembrou que priorizará ao sector apoio financeiro para completar as medidas a nivel estatal; a estimulación da demanda a través da diversificación, como é o caso da eólica mariña; e a xeración dunha contorna favorable para o desenvolvemento de novos proxectos.

Imaxes relacionadas