A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Santa Cecilia ao seu paso polos concellos de Ferrol e de Narón

Estes traballos están a desenvolverse ao longo dun treito de máis de 2,3 km de lonxitude do río, no seu percorrido por distintos lugares destes dous municipios

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Santa Cecilia, nos concellos de Ferrol e de Narón.

 

Os traballos están a desenvolverse ao longo dun treito de máis de 2,3 km de lonxitude do río, no seu percorrido por distintos lugares destes dous municipios.

 

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

 

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas