A Xunta reforza a programación de actividades nos Espazos Xoves este verán para facilitar o lecer e a conciliación

As actividades, dirixidas a mozos e mozas a partir de 12 anos, estenderanse desde a última semana de xuño ata finais de xullo

Inclúen oito obradoiros presenciais, de martes a venres, xunto con sesións de música DJ ou de ‘Escape Room’
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a programación dos 12 Espazos Xoves da comunidade para o verán deste 2022. O calendario de actividades abranguerá a última semana de xuño e todo o mes de xullo, e desenvolverase de forma presencial cada semana de martes a venres, entre as 11 e as 13h, con algunhas sesións en horario de tarde. A inscrición poderase facer contactando directamente con cada Espazo Xove.

 

A Consellería de Política Social e Xuventude detalla que están dispoñibles oito obradoiros: Taller de robótica, Traballando as emocións, Xadrez creativo, Improvisación teatral, Aproximación ao rap, Obradoiro científico, Redes sociais e Reciclaxe artística. Ademais, celebraranse tamén obradoiros de música DJ e Escape Room. En todos eles poderán participar os mozos e mozas maiores de 12 anos, aínda que terán preferencia os menores de 16.

 

Toda a información, así como a inscrición en calquera das actividades, facilitarase desde o Espazo Xove máis próximo de maneira presencial, por teléfono ou por correo electrónico. En Galicia hai 12 Espazos Xoves dependentes da Xunta: Curtis, Lalín, Noia, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Chantada, Ourense, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vilalba e Viveiro.

 

Esta programación, financiadas polo Ministerio de Igualdade, Secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, no marco do Plan Corresponsables,  ofrece novas alternativas de ocio educativo para a mocidade e un recurso de conciliación da vida familiar e laboral para as familias durante a época estival. Así e todo, os Espazos Xoves son tamén unha alternativa de lecer o resto do ano, con eventos como a Feira Primavera Xove, celebrada nestas instalacións e que contou con obradoiros e diferentes actividades.