A Xunta agradece a contribución da Irmandade Xurídica Galega á hora de normalizar o uso do galego

Asignáronse insignias de ouro ao avogado Andrés Salgueiro e ao reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e os novos irmandiños e irmandiñas recibiron unha de prata

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ao acto da XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA), encabezada polo seu presidente, Xoaquín Monteagudo.

 

O representante da Consellería, Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia de que a Irmandade Xurídica Galega siga medrando con adhesións de operadores xurídicos que continúan “facendo do galego unha lingua de uso habitual, contribuíndo así a súa normalización nun ámbito de especialización tal e como é o xurídico”.

 

No acto asignáronse as insignias de ouro ao avogado Andrés Salgueiro e ao xurista e reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, xunto a un diploma como Irmandiño de Honra. Do mesmo xeito, entregáronselles os diplomas acreditativos aos novos irmandiños e irmandiñas e unha insignia de prata.