Sanidade subvenciona con 250.000 euros a 18 entidades sen ánimo de lucro para realizar programas de carácter sociosanitario

O orzamentos para estas axudas incrementáronse un 40% respecto ás do pasado ano, cando o crédito previsto foi de 178.269 euros

Estes programas diríxense á realización de actividades no proceso de atención sociosanitaria asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022  O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Resolución da Consellería de Sanidade pola que se publican as subvencións concedidas ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario neste ano.

 

A convocatoria deste ano conta cun crédito inicial de 250.000 euros, o que supón un aumento do 40% respecto da na convocatoria anterior destas axudas en 2021, cun previsto de 178.269 euros.Deste xeito, oimporte máximo que puideron solicitar as entidades nesta pasou a ser de 16.000 euros, cando no ano anterior foi de 12.000 euros.

 

Estes programas diríxense á realización de actividades no proceso de atención sociosanitaria asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.

 

As entidades beneficiarias destas axudas son Aspanaes, Fegerec, Federación autismo Galicia, Adaceco, Asociación española contra o cancro, na Coruña; Sarela e Agadea en Santiago de Compostela; Aspaneps en Ferrol; as Asociacións de familiares de enfermos de alzheimer en Monforte de Lemos e Chantada (Lugo); Aodemper, Autismo Ourense e Afaor en Ourense; Alento, Fundación Menela e Apamp en Vigo; e Apacaf en Pontevedra, con centros na Estrada e Morana; e Asociación autismo Bata en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

 

Estas axudas promoven o aumento da autonomía das persoas que compoñen estes colectivos e tentan paliar as posibles limitacións e favorecer a súa rehabilitación e integración. Para que unha institución poida ser beneficiaria terá ser unha entidade privada sen ánimo de lucro e incluír entre os seus fins estatutarios realizar actividades de apoio e axuda ao colectivo ao que se dirixen os programas de atención sociosanitaria.

 

Dende a Consellería de Sanidade avógase por incrementar as axudas, xa que se considera que hai un labor de apoio sociosanitario a estes pacientes que vai máis alá dos centros sanitarios e ao que pode atender un tecido asociativo que en Galicia é moi potente.

Imaxes relacionadas