A Xunta destaca a colaboración dos avogados galegos para consolidar avances na quenda de oficio e na mediación intraxudicial

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, acudiu hoxe á festividade de San Raimundo Peñafort organizada polo Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, no que se premiou á Cruz Vermella, se homenaxeou ao letrado Jesús Maroño por 60 anos de exercicio e se recoñeceu á traxectoria do exdirector xeral de Xustiza e secretario de Goberno do TSXG, Juan José Martín

O Goberno galego vén de reforzar a colaboración co Consello da Avogacía Galega en compensación por este servizo nos casos que se designan profesionais da quenda de oficio por requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso deste dereito, e para prestar atención xurídica a vítimas de delitos sexuais
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe na festividade do patrón dos letrados, San Raimundo de Peñafort, o diálogo fluído e constante entre a Xunta e os colexios de avogados da comunidade que permitiu nos últimos anos importantes melloras no ámbito da Administración de Xustiza. Por exemplo, no servizo da quenda de oficio co que garantir á cidadanía o acceso á xustiza en igualdade de condición ou na implantación de medidas alternativas de resolución de conflitos como a mediación intraxudicial.

O Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela volveu a organizar este acto tras dous anos de parón pola pandemia. Nesta ocasión, o XII Premio de Dereitos Humanos recaeu na delegación na cidade de Santiago da Cruz Vermella, mentres que o avogado Jesús Maroño Barreiro recibiu unha placa conmemorativa polos seus máis de 60 anos de exercicio profesional.

A organización tamén recoñeceu a traxectoria do exdirector xeral de Xustiza e actual secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Juan José Martín, ao que o vicepresidente segundo da Xunta agradeceu o seu traballo para completar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, que supuxo un investimento de 123 millóns de euros en novas instalacións xudiciais como a nova Cidade da Xustiza de Vigo, a maior obra xudicial da historia da comunidade e a máis importante do noroeste peninsular.

Diego Calvo engadiu que a Xunta continúa a traballar na dotación de novas infraestruturas necesarias neste ámbito como o novo edificio xudicial da Estrada ou a nova sede central do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela. Ademais, o Goberno galego avanzará na modernización da Administración de Xustiza para contar cun sistema xudicial áxil e eficaz a través do Plan Senda 2025 que dá continuidade aos dous anteriores.

En canto á colaboración co Consello da Avogacía Galega, o vicepresidente segundo da Xunta lembrou que a Administración autonómica vén de aprobar dous convenios. Un deles está dotado de 200.000 euros que se aboarán aos letrados designados á quenda de oficio en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia gratuíta. Por outra banda, a Xunta destinará outros 258.000 euros en compensación atención xurídica gratuíta ás vítimas de delitos sexuais.

Cómpre lembrar ademais que a Xunta asinou o ano pasado un acordo co Consello da Avogacía de Galicia para fixar o baremo que perciben os profesionais da quenda de oficio, o que permitiu incrementar as compensacións económicas, situando a Galicia entre as comunidades con maior remuneración dos letrados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. O novo acordo supón un incremento dun 15% de media nos baremos que perciben colexios de avogados e de procuradores da comunidade por atender a quenda de oficio nos próximos tres anos e unha suba en base ao IPC galego para a última anualidade de vixencia de acordo no 2025.

No que se refire á mediación intraxudicial, o vicepresidente segundo da Xunta puxo en valor a colaboración cos colexios de avogados da comunidade, a través do Consello da Avogacía Galega, no desenvolvemento de programas de mediación familiar e no ámbito penal. Así, a mediación familiar intraxudicial está en funcionamento en todas as cidades galegas da man dos colexios avogados xunto coas universidades, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Ministerio Fiscal e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Ademais, desde 2016 o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela colabora coa Xunta e outras institucións nun programa experimental de mediación no ámbito penal.