O conselleiro de Sanidade destaca o papel de Galicia como referente a nivel nacional no tratamento da dor

No marco das xornadas "Dor oncolóxica: Segundo Tecnoforum", García Comesaña lembrou que para o Sergas a atención á dor, na que leva traballando máis dunha década, é unha das súas liñas estratéxicas

A día de hoxe, o Servizo Galego de Saúde conta con 10 unidades de dor repartidas polas sete áreas sanitarias
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde as xornadas "Dor oncolóxica: Segundo Tecnoforum" que se están levando a cabo na pontevedresa Illa de San Simón, organizadas pola Sociedade Galega da dor e coidados paliativos.

No transcurso desta primeira xornada, na que participaron especialistas no tratamento da dor das distintas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, o titular da carteira sanitaria galega, resumiu na súa intervención o traballo da sanidade pública en prol de tratar a dor crónica. Unha doenza que, segundo afirmou condiciona a calidade de vida dos pacientes e as súas familia, podendo chegar a incapacitar a unha persoa na súa vida cotiá. Neste sentido, o conselleiro destacou que o Sergas leva máis dunha década traballando no tratamento da dor, considerándoo unha das súas liñas estratéxicas e convertendo Galicia nun dos referentes a nivel nacional neste tema.

Así, lembrou García Comesaña, xa en febreiro de 2021 constituíse a Comisión Galega de Estratexia contra a dor, de carácter multidisciplinar e que foi a primeira creada en España. Ademais inclúese o rexistro da intensidade da dor e as súas características e tratamento no aplicativo informático de xestión de coidados en todos os hospitais de Galicia. Isto posibilitou ter rexistros de dor do 95,6% dos pacientes ingresados en 2020, respecto do 32,3% que o tiñan rexistrado en 2011.

A día de hoxe, o Servizo Galego de Saúde conta con 10 unidades da dor, sete nos hospitais de referencia de cada área sanitaria e outras tres nos hospitais da Mariña, Monforte de Lemos e O Salnés. Estes espazos teñen implantado, ademais un circuíto asistencial de e-interconsulta, con acceso directo dos equipos de atención primaria e que permite compartir o manexo da atención nos casos de dor crónica.

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade remarcou a importancia da aposta pola tecnoloxía e a innovación realizada pola Xunta de Galicia, e destacou a plataforma de teleasistencia Telea, un modelo imitado por outros países que vén de ser escollida como boa práctica por parte da Comisión Europea e que permite facer seguemento diario a máis de 6.000 doentes.

Garcia Comesaña rematou a súa intervención poñendo en valor o traballo realizado por familiares, profesionais sanitarios e asociacións de doentes que, dixo, están a realizar un labor inestimable.
 

Imaxes relacionadas