A Xunta presenta unha selección de novos materiais galegos no Festival de Innovación Rural da Fundación Cotec en Segovia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe á inauguración por parte de S.M. o Rei Felipe VI deste encontro que se celebra na localidade de Otero de los Herreros

O monarca visitou o espazo de exposición e experimentación no que preto de 20 materiais creados na contorna rural galega son os protagonistas

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación, expón unha selección de preto de vinte novos materiais creados na contorna rural galega no festival de innovación fronte ao despoboamento que a Fundación Cotec organiza entre hoxe e mañá na localidade segoviana de Otero de los Herreros. O encontro, Imperdible05, ten como obxectivo ofrecer á cidadanía un espazo para experimentar a innovación no medio rural, a través de máis de 25 experiencias, talleres e música.

 

Hoxe tivo lugar a xornada de carácter institucional, presidida por S.M. o Rei Felipe VI e á que acudiu a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. O monarca, xunto co presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, visitou o espazo expositivo que a Xunta, no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza, ofrece no encontro, no que se celebrarán talleres experimentais para que o público poida interactuar cunha selección de materiais creados na contorna rural galega e que representan solucións innovadoras e sustentables a retos de carácter global.

Os participantes poderán coñecer as propostas textís sustentables de RIR & Co, Io Morales e Tsubaki Diseño; os xardíns verticais e os materiais de construción a base de pedra reciclada de NorPromenade e Mámoa Deseños Vivos; os xabóns artesanais e as esponxas vexetais de Mar de Miranda e Ibérica de Esponjas; e os utensilios de cociña, as vigas de madeira sustentables e os materiais obtidos de residuos da industria forestal creados por Atalanta Madera, Timbersoul by Cándido Hermida e Betanzos HB.

Tamén terán ocasión de apreciar a cestería e o mobiliario urbano feito a partir de residuos de Idoia Cuesta e Cholita; os zocos e os parches para instrumentos musicais de Eferro e Landra típica; e os abonos ecolóxicos a partir de cuncha de mexillón e as mallas compostables de Ecocelta e Ecoplas Barbanza.

Imaxes relacionadas