A Xunta de Galicia amosa o seu apoio a Celsa para que poida acceder ao fondo de axuda á solvencia en empresas estratéxicas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegura que é prioritario o mantemento da actividade polo que é fundamental que se desbloquee a situación para que a compañía poida contar con este financiamento necesario para alcanzar os seus obxectivos

Lamenta as trabas coas que se está atopando a industria electrointensiva que vive un momento complicado debido aos desorbitados prezos eléctricos

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, amosou hoxe o apoio da Xunta de Galicia a Celsa para que a compañía poida acceder ao Fondo de Axuda á Solvencia en Empresas Estratéxicas.

 

Conde, a preguntas dos medios de comunicación nun acto en Santiago de Compostela, defendeu que manter a actividade da compañía -con 135 empregados na Laracha- debe ser prioritario e estar por riba doutro tipo de intereses, polo que solicitou aos seus acredores que desbloqueen a situación para que o Goberno poida axilizar os trámites necesarios – a través da Sepi- e que poida contar, deste xeito, con este financiamento público esencial para o seu futuro. Lembrou que o prazo que marca a Comisión Europea remata este mes.

 

O vicepresidente económico lamentou, por outra banda, as trabas coas que se está atopando a industria electrointensiva, nun momento marcado polos desorbitados prezos eléctricos que están poñendo en risco o futuro de importantes empresas.