Valentín García presenta ‘Corpo de vento’, unha serie documental sobre a tradición organística en galicia

O proxecto, impulsado pola produtora Sirgo Torcendo co apoio da xunta, consta de catro capítulos que abordan aspectos relacionados con estes instrumentos de vento facendo uso da lingua galega e achegándonos tamén ao ámbito lusófono

Os vídeos poden verse no Portal da Lingua Galega e na súa canle de YouTube
 

Santiago de Compostela, 09 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu no Pazo de San Roque á presentación da serie documental Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos, realizado pola produtora Sirgo Torcendo ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades presentou esta iniciativa facendo fincapé na “necesidade de revelar e divulgar esta historia pola riqueza que posúe desde o punto de vista do patrimonio histórico empregando o galego como lingua asociada á cultura”.

 Xunto ao secretario xeral estiveron presentes Belén Bermejo, directora artística e produtora executiva do proxecto, e Andrés Díaz Pazos, encargado da dirección e do guión.

 Corpo de vento consta de catro capítulos sobre o mundo dos órganos, que ten como obxectivo achegar un amplo público ás paisaxes organísticas e á historia da organería en Galicia ao tempo que contribúe a facer do galego unha lingua asociada a ámbitos que tocan a ciencia, a historia, a técnica e a arte.

Os catro capítulos, de 20 minutos cada un aproximadamente, abordan diferentes aspectos relacionados con estes instrumentos: desde o contexto xeral do órgano en Galicia até os principais instrumentos que podemos atopar na nosa terra, facendo tamén referencia aos organistas que traballaron en Galicia e aos organeiros e a industria organeira galega ao longo da Historia.

 Así mesmo, procura un achegamento ao ámbito lusófono a través da participación de músicos e outros axentes portugueses, retomando o vínculo histórico coa organería do país veciño. É por iso que a serie foi gravada en diferentes localizacións das catro provincias galegas e norte de Portugal, a fin de pescudar tamén nas raíces galegas da industria organeira lusa, contribuíndo así a difundir os valores do patrimonio e da cultura galega a través do amplo legado cultural e musical que representa o patrimonio organístico e o conxunto de técnicas, procedementos, prácticas e saberes a el asociado.
 
A iniciativa conta coa colaboración do actor José Manuel Fernández Pepes e dos escritores Eva Veiga e Carlos Penela e pode visualizarse no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube de Política Lingüística.

 

Imaxes relacionadas