O titular do Goberno galego asistiu esta tarde ao XXXII Congreso Nacional SEMES (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias)

Rueda pide ao Goberno que recoñeza a especialidade de medicina de Urxencias para contribuír a paliar sen máis demoras o déficit de facultativos en Atención Primaria

Salienta que se Urxencias e Atención Primaria foran dúas especialidades distintas evitaríase formar en Atención Primaria a médicos que despois exercerán fóra dos centros de saúde

Afirma que a Xunta seguirá comprometida cunha renovación integral do Servizo Galego de Saúde, cunhas urxencias adaptadas á medida do futuro: máis amplas, máis confortables e modernas

Destaca que na última década Galicia incrementou en case 6.000 metros cadrados a superficie das urxencias dos seus hospitais públicos

Avanza que nos próximos anos aumentarase un 97% a superficie das urxencias hospitalarias da Mariña, ata un 160% as do Gran Montecelo; outro 120% as do novo CHUAC; un 42% as do Hospital de Ferrol e un 144% as do Hospital de Verín

Agradece aos médicos que traballan en urxencias o compromiso, a dedicación, o traballo en equipo e a capacidade para adaptarse a novas situacións; unhas fortalezas que se fixeron máis visibles que nunca durante a pandemia

Vigo, 8 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu hoxe na necesidade de que o Goberno recoñeza a especialidade de medicina de Urxencias para contribuír a paliar, sen máis demoras, o déficit de facultativos en Atención Primaria.

Durante a súa asistencia ao XXXII Congreso Nacional SEMES (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias), Rueda aseverou que o Executivo galego seguirá apoiando esta demanda, como xa fixo en decembro de 2020 o pleno do Parlamento de Galicia, aprobando, por unanimidade, unha iniciativa para instar á Administración central a crear esta especialidade.

“Esta situación debe solucionarse canto antes e será un dos temas a tratar na reunión con Pedro Sánchez”, dixo, facendo fincapé en que se Urxencias e Atención Primaria foran dúas especialidades distintas, con oferta de prazas diferenciadas, sería máis sinxelo para as administracións saber con cantos novos profesionais se contarían cada ano, evitándose así formar en Atención Primaria a médicos que despois exercerán fóra dos centros de saúde.

“Mentres seguimos á espera, desde a Xunta seguiremos facendo os deberes naquilo sobre o que sí temos competencias”, aseverou, lembrando o compromiso cunha renovación integral do Servizo Galego de Saúde, cunhas urxencias adaptadas á medina do futuro, máis amplas, máis confortables e modernas.

Sobre este punto, salientou que, na última década, Galicia incrementou en case 6.000 metros cadrados a superficie das urxencias dos seus hospitais públicos: en Vigo, onde as urxencias do Cunqueiro case duplican o espazo que había no Hospital Xeral e o Meixoeiro xuntos; no CHUAC, onde se aumentou en 1.000 metros cadrados a superficie; no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, con 800 metros cadrados máis; no Hospital do Salnés, cuxa reforma permitiu triplicar o espazo neste eido; e no Hospital do Barbanza, que conta desde 2019 cunha superficie un 39% maior.

“E nos próximos anos temos previsto aumentar un 97% a superficie das urxencias hospitalarias da Mariña, ata un 160% as do Gran Montecelo de Pontevedra; outro 120% as do novo CHUAC; un 42% as do Hospital de Ferrol e un 144% as do Hospital de Verín”, engadiu, ademais de lembrar a posta en marcha de diferentes programas que contribúen a mellorar este servizo, como o Plan de Atención ao Ictus, o Plan de asistencia á sepsis ou o de asistencia á anafilaxia.

Así mesmo, puxo en valor o traballo diario do 061-Galicia, un servizo ao que a Fundación Europea para a Xestión da Calidade outorgou o Selo de Excelencia 500+, converténdose no único servizo de urxencias médicas autonómico de España que conta con este distintivo.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo aos médicos que traballan en urxencias o compromiso, a dedicación, o traballo en equipo e a capacidade para adaptarse a novas situacións; unhas fortalezas que se fixeron máis visibles que nunca durante a pandemia: atendendo aos pacientes máis graves que entraban por Urxencias, cando o virus aínda era unha incógnita para todos; e adaptándose a protocolos cambiantes e a novas formas de traballar dun día para outro.

Imaxes relacionadas