A Xunta pon en valor a confianza demostrada por SDG Group ao abrir a súa nova sede en Galicia e captar talento local

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago na inauguración do novo centro desta firma de consultaría global, especializada en tecnoloxías como o Big Data e a intelixencia artificial

Salienta que a chegada desta compañía é unha mostra da competitividade do sector TIC galego, que se achega aos 26.000 empregados e 4000 empresas
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo esta tarde en valor a confianza demostrada por SDG Group, firma de consultaría global especializada en analítica de datos e en tecnoloxías como o Big Data e a intelixencia artificial, ao abrir o seu novo centro en Galicia e apostar por captar talento local, cun plan para contratar máis de 100 profesionais do ámbito tecnolóxico.

Conde salientou que a escolla de Santiago de Compostela para ubicar este novo centro da compañía, que conta con sedes en Madrid, Barcelona, Milán, Reino Unido, Nova Jersey e O Cairo, entre outras, é unha mostra da competitividade do sector TIC en Galicia. Este sector pechou o ano 2021 co maior incremento en número de traballadores e traballadoras desde 2016, achegándose aos 26.000 empregados; aumentando tamén o número de empresas, ata preto de 4000.

Na súa intervención, o vicepresidente económico sinalou que a analítica de datos é un servizo indispensable para o tecido empresarial, permitíndolles ás compañías crear novos produtos e servizos e anticiparse ás necesidades dos consumidores. Do mesmo xeito, sinalou que a industria demanda tecnoloxía para dar o salto dixital, ao tempo que a Administración autonómica quere actuar como axente dinamizador neste eido.

Imaxes relacionadas