Os profesionais da UCI de Montecelo participan nunha xornada de benestar emocional

Esta actuación enmárcase dentro do “Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde”

O proxecto trata de difundir novas estratexias e actuacións para minimizar o impacto da pandemia e promover o benestar emocional do persoal sanitario
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022.-

O hospital pontevedrés de Montecelo acolleu unha xornada para promover o benestar emocional dos traballadores sanitarios das unidades de coidados intensivos. Trátase dunha xornada aberta na que poden participar todos os profesionais da UCI e que forma parte do "Programa de equipos saudables " do Sergas. Este programa enmárcase no  “Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde”, co que se intenta recoñecer o labor dos profesionais sanitarios e promover o seu autocoidado emocional.

A finalidade é promover dentro destes mesmos equipos un liderado e traballo colaborativo. As actuacións do proxecto céntranse principalmente en dous aspectos: desenvolver materiais gráficos sobre as habilidades de comunicación, liderado saudable e resolución de conflitos e realizar accións formativas en distintos ámbitos e formatos. Polo tanto, a xornada celebrada hoxe na UCI de Montecelo enmárcase dentro destas accións formativas programadas.

A crise ocasionada pola covid fixo imprescindible adoptar medidas específicas para reforzar a calidade do sistema sanitario. O Plan trata de establecer unha comunicación interna eficaz e unha escoita activa, brindar acompañamento psicolóxico aos profesionais e promover o liderado saudable e o traballo en equipo. Actualmente estase desenvolvendo a segunda fase do programa de transformación directiva, co que se inclúe un espazo de desenvolvemento persoal e individualizado de competencias de liderado. Mediante o traballo en equipo con todos os profesionais implicados na actividade sanitaria, o Sergas ten como obxectivo mellorar os procesos de traballo por medio de diálogos grupais, afondando no aprendido durante a pandemia e compartindo múltiples puntos de vista e experiencias.

Medidas incluídas no “Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde”

Ademais do investimento en formación, o Plan de atención psicosocial expón outras iniciativas que contribúen a minimizar o impacto da pandemia na saúde e promover o autocoidado e benestar emocional do persoal de sanidade. Unha das medidas que máis acollida tivo entre os profesionais e o público en xeral foi a apertura de distintas canles de comunicación para facer chegar aos profesionais o sentir da cidadanía, e nas que se recolleron máis de 18.000 mensaxes de agradecemento. Ademais, cada profesional recibiu unha carta de agradecemento polo seu traballo e compromiso dende a dirección do Servizo Galego de Saúde.

Á hora de promover o autocoidado emociona, programáronse 12 conferencias ao longo do ano 2021, as cales contaron con máis de 37.000 visualizacións. En marzo deste ano tamén se puxeron en marcha catro cursos de autoformación nos que se ampliaban os contidos das conferencias do segundo semestre de 2021. Estas accións formativas, nas que están matriculadas máis de 18.200 persoas matriculadas, organizadas pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). Os cursos céntranse en reforzar capacidades como o liderado, a resiliencia e a xestión de estrés e conflitos en sanidade. Por último, cabe destacar dentro do Plan o programa de apoio e acompañamento psicolóxico, creándose en cada unha das sete áreas sanitarias un equipo con profesionais de psicoloxía clínica e de psiquiatría que levan máis de 300 intervencións co persoal.

Imaxes relacionadas