Máis de 1.000 alumnos da área de Vigo fórmanse en técnicas de reanimación cardiopulmonar nunha xornada organizada pola Xunta

Participan nunha sesión de adestramento na Estación Marítima de Vigo, no marco do Congreso Nacional de Medicina de Urxencias e Emerxencias

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa asiste ás prácticas desta iniciativa impulsada en colaboración con Sanidade a través do 061
 

Vigo, 8 de xuño de 2022.-

Máis de 1.000 alumnos da contorna de Vigo participan hoxe nunha sesión masiva de formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar impulsada pola Xunta de Galicia na Estación Marítima de Vigo con motivo do Congreso Nacional de Medicina de Urxencias e Emerxencias que se celebra na cidade.

 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiu hoxe á sesión de práctica de reanimación enmarcada no programa RCP na Aula, unha iniciativa posta en marcha entre as consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación co fin de que o alumnado conte con coñecementos básicos vencellados aos primeiros auxilios e ao uso de desfibriladores externos automáticos.

 

Estes adestramentos teñen como principal obxectivo adquirir nocións básicas para actuar ante unha situación de emerxencia, ao tempo que concienciar da importancia de coñecer ese procedemento que permite salvar vidas en caso de parada cardíaca. Organizadas en quendas de 250 alumnos, cada grupo de dez conta cun instrutor da Fundación 061, así como co apoio dos colexios de médicos e de persoal da Consellería de Sanidade.

 

O programa RCP na Aula forma parte dun paquete de medidas de seguridade nos centros escolares entre os que se inclúe o programa Alerta Escolar e o Botón de Alerta deseñado para os nenos das escolas atendidas, de xeito habitual, por único mestre.

Imaxes relacionadas