O xardín Botánico de Lourizán será nomeado socio numerario da Asociación Ibero-Macaronésica de xardíns botánicos

O seu nomeamento farase efectivo mañá no XVI Congreso da asociación en Madrid, nun acto ao que asistirán o director do CIF de Lourizán e un do seus investigadores

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022 O xardín Botánico do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, será nomeado mañá xoves socio numerario da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos. Esta organización agrupa a 38 xardíns botánicos, situados ao longo da Península Ibérica, incluíndo os territorios macaronesicos das illas Canarias, as illas Azores e Madeira. Trátase dunha rede comprometida coa investigación, difusión, educación e conservación da diversidade vexetal, que ten como finalidade principal promover e coordinar proxectos  en común, impulsando o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal

 

Ao XVI Congreso asistirán en calidade de representantes Enrique Martínez Chamorro, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; e Francisco Javier Silva Pando, xefe do departamento de Protección forestal deste mesmo centro. A asemblea xeral será presidida polo botánico Jaime Güemes, actual presidente da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos e contará cunha charla coa Rede Sudamericana de Xardíns Botánicos.

 

O Congreso estase a celebrar en Madrid entre os días 7 e 10 de xuño, e reúne a expertos e voces autorizadas de toda España para o intercambio de recursos e coñecementos. O obxectivo deste décimo sexto encontro é abordar a ameaza do cambio climático e o perigo que supón para a preservación da biodiversidade e as diversas especies únicas das diferentes partes do mundo.

 
Xardíns de Lourizán

O CIF de Lourizán conta con 52,5 hectáreas de terreo onde dispón, en sendos arboretos, da maior colección de coníferas de Europa con máis de 200 especies e subespecies. O xardín botánico ten na actualidade máis de 850 especies catalogadas, a maioría árbores e arbustos que integran a colección máis importante de toda Galicia e tamén das máis numerosas de España. Coa entrada do xardín Botánico do CIF Lourizán nesta asociación, Galicia terá por primeira vez representación nesta prestixiosa rede.

Imaxes relacionadas