A Xunta apoia unhas xornadas sobre o vínculo entre a poética galega e o mar que se celebrarán en Bueu

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do encontro ‘Id’ a San Momed’

 

Bueu, 7 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación das xornadas Id’ a San Momed, un encontro organizado polo Arquivo das Trasnas e Libraría Miranda co patrocinio da Xunta de Galicia, que pon en valor o vínculo da Capela de Sanamedio coa lírica medieval galega a través do trobador Johan de Cangas, unindo así a poética galega e o mar.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou “o forte papel que xoga o mar na tradición literaria de Galicia, presente desde os albores da nosa literatura até a actualidade, o que convida sen lugar a dúbida a reflexionar e divulgar estes vínculos”, ademais de subliñar “o papel da lingua galega dentro da poética galega, reivindicada por figuras fundamentais nas que se porá o foco, como é o caso de Rosalía de Castro ou Bernardino Graña, Premio da Cultura Galega neste pasado 2021”.

 

Xunto a Valentín García, participaron na presentación Beatriz Pereira e Daniel Chapela, representantes da asociación O Arquivo das Trasnas e coorganizadores; Fernando Miranda, libreiro da vila; José López, párroco da vila, e membros do tecido asociativo de Bueu.

 

Do 11 ao 12 de xuño

A Capela de Sanamedio de Bueu será testemuña durante os días 11 e 12 de xuño de 18 actividades de diversa índole que achegan a relación entre a poesía galega e o mar. Ao longo desa fin de semana, terán lugar seis relatorios sobre O mar e as nosas letras poéticas, os trobadores medievais, Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Bernardino Graña e a tradición oral galega.

 

Ademais, presentaranse os poemarios Uralita (da man da súa coautora Iria Pinheiro e da poeta Oriana Méndez) e Clepsidras (coa participación da súa autora, Inma López Silva, e do crítico literario Armando Requeixo). Haberá recitais con Marilar Aleixandre, Carlota Corredoira, Dani Costas, Estíbaliz Espinosa, Oriana Méndez e Ismael Ramos. Tamén obradoiros poéticos ofrecidos por Míriam Ferradáns e Antía Otero ao redor do mar e Bernardino Graña e Manuel Antonio, así como unha regueifa mariñeira ofrecida por Lupe Blanco e Kike Estévez. O broche da programación poñerao un concerto ofrecido polo cantautor Tino Baz.

 

Durante a fin de semana, na que ademais Librería Miranda ofrecerá ao público un amplo repertorio de poemarios galegos para a súa compra, tamén haberá sinaturas de libros no posto da libraría. A participación nas actividades é gratuita até completar aforo, a excepción dos obradoiros poéticos, nos que é preciso inscribirse antes do 10 de xuño ás 23,59h no enderezo oarquivodastrasnas@gmail.com.

Imaxes relacionadas