A Xunta participa na presentación do Fisterra Blues Experience 2022 que terá lugar durante esta fin de semana no marco dos concertos do Xacobeo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do festival “Fisterra Blues Experience 2022”

O festival celebra a súa VI edición do venres 10 ao domingo 12, no marco dos concertos do Xacobeo
 

Fisterra (A Coruña), 7 de xuño de 2022 A directora de Turismo, Nava Castro, participou hoxe na rolda de presentación do festival de música “Fisterra Blues Experience 2022”, onde destacou a importancia da sinerxía entre administracións na celebración deste Xacobeo.

 

Nava Castro indicou que  “esperamos que este Ano Santo e todas as celebracións ao seu arredor  acaden gran éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador do sector cultural e turístico, elevando a Galicia como un dos destinos máis relevantes no eido cultural”.

 

Neste senso, Nava Castro destacou a función do Xacobeo como oportunidade para trasladar aos turistas e peregrinos que Galicia é unha comunidade cunha oferta turística sen precedentes, “ coa excelencia e a calidade como bandeira duns recursos e medios sen parangón”, indicou.

Mediante o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas, dende o goberno da comunidade apóstase pola diversificación e desestacionalización da celebración do Xacobeo 21-22, cunha oferta cultural con máis de 300 artistas repartidos en máis de 70 concertos e festivais por todo o noso territorio.

Os interesados poderán consultar a programación e os artistas a través da páxina web do festival fisterrablues.gal