O presidente da Xunta mantivo unha reunión co comité técnico deste organismo público-privado na que se avaliou a situación actual do Polo para a Transformación de Galicia

Rueda avalía coa Sociedade Impulsa os principais proxectos nos que Galicia está xa traballando para captar fondos europeos Next Generation

Solicita o compromiso do Goberno central para que estas iniciativas estratéxicas para Galicia poidan materializarse canto antes

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro co comité técnico da Sociedade Impulsa Galicia, no que se avaliaron os principais proxectos nos que Galicia está xa traballando para captar fondos europeos Next Generation.

 

Así, dentro do Polo para a Transformación de Galicia impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa -na que tamén participan Abanca, Sogama e Reganosa-, inclúese o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri, que suporá un importante fito na transformación industrial de Galicia, cun investimento de 800 M€ e 2.500 empregos entre directos e indirectos.

 

Arredor desta iniciativa, tal e como se subliñou na xuntanza, pivotan outros dous proxectos integrados no Polo, que serven de fonte de enerxía para a fábrica prevista en Palas de Rei (Lugo): o desenvolvemento dunha planta de produción de biometano a partir de xurros e o desenvolvemento dun centro de hidróxeno verde.

 

Ademais, Rueda puxo de manifesto durante o encontro que os diferentes proxectos incluídos no Polo para a Transformación de Galicia teñen carácter estratéxico e unha gran capacidade de tracción sobre o tecido empresarial galego, o que asegura o crecemento, o emprego e a competitividade, dando resposta aos desafíos que o contexto actual require desde o punto de vista económico, ambiental e social.

 

Por iso, salientou, espérase que no marco da necesaria colaboración entre administracións, o Goberno central demostre o seu compromiso a través dos Next Generation. Así, a Xunta de Galicia está agardando a que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, atenda a petición de reunión solicitada polo presidente do Executivo galego ante a necesidade de axilizar e descentralizar os fondos europeos, co obxectivo de que estes proxectos estratéxicos se materialicen canto antes, beneficiando sobre todo ás pequenas e medianas empresas.

 

A Sociedade Impulsa é un mecanismo público-privado participado pola Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.

Imaxes relacionadas