A Xunta salienta o papel do plurilingüismo para reforzar a lingua galega en todos os ámbitos

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación dunha guía elaborada pola Real Academia Galega ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22 da Xunta que se centra no eido educativo do Concello de Ames

Responde á demanda de formación do profesorado sobre este tema con aclaracións conceptuais e estratexias de cara a planificación nos centros educativos
 

Ames, 06 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da guía da Real Academia Galega (RAG) Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, un dos proxectos levados a cabo ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia de “actualizar e formular os contidos dun concepto tan amplo como é o plurilingüismo e de dar coas fórmulas axeitadas para que a lingua galega teña o seu espazo e mesmo se vexa enriquecida dentro dun sistema de coñecemento de linguas que cada vez será máis amplo."

 

Neste acto, que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, tamén interviron Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; e Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, así como os representantes municipais.

 

Un recurso de formación para o profesorado

Esta guía, elaborada desde o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende enriquecer a formación do profesorado sobre o tema que aborda, ofrecendo aclaracións conceptuais e propoñendo estratexias de cara á planificación nos centros educativos. Do mesmo xeito, propón estratexias e recolle algunhas consideracións de cara á planificación lingüística nos centros educativos.

 

A publicación, en formato folleto, avoga así por construír a partir do galego un plurilingüismo inclusivo, que non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural.