O director xeral de Cultura e o delegado territorial participan na apertura da mostra enmarcada na programación institucional da Xunta por esta efeméride

A mostra itinerante ‘Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños’ chega a Ourense cunha escolma de pezas persoais do homenaxeado nas Letras Galegas

Inclúese nas máis de 150 actividades deste ano e percorre a vida e a obra do autor a través dunha unha selección de obxectos como cartas ou borradores de poemas, cedidos pola familia

Poderá visitarse na Biblioteca da Xunta Nós ata o mes de agosto

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, inauguraron hoxe na Biblioteca da Xunta en Ourense á exposición itinerante Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños, unha das máis de 150 actividades da programación institucional da Xunta nas Letras Galegas 2022.

 

Trátase, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, “dunha nova oportunidade para seguir divulgando a figura de Florencio Delgado Gurriarán, máis alá do día 17 de maio, por distintos lugares de Galicia e para todos os públicos, co efecto multiplicador que iso supón”. Así, a exposición chega a Ourense tras o seu paso por Valdeorras e poderá verse na Biblioteca Nós ata agosto.

Esta exposición, producida pola Editorial Galaxia, é un proxecto da Xunta de Galicia no ano das Letras Galegas 2022, coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. Con carácter informativo e didáctico, divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, e unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición.

 
Cartas con Castelao

“Repásase a traxectoria vital e biográfica do autor dun xeito rigoroso, pero tamén entretido para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura do escritor a través de pezas persoai”, engadiu Anxo M. Lorenzo. En concreto, están expostos en mesas-vitrina distintas cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao e borradores de poemas que logo remataron nos seus libros.Tamén publicacións orixinais, que permitirán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.