A Xunta pide concreción ao Goberno central sobre o convenio previsto para a cobertura das prazas vacantes da Policía Autonómica

O Goberno galego lamenta ter que enterarse polos medios de comunicación de asuntos de vital importancia para a comunidade e descoñece se houbo avances por parte do Executivo estatal no convenio que permitirá convocar o concurso de prazas vacantes da Unidade

A Xunta reclama que o Ministerio do Interior confirme e materialice a ampliación da plantilla da Policía Autonómica, que se atopa ao 73% con 367 efectivos, ata os 500 previstos

Lamenta que o Goberno central non solicitase a colaboración da Xunta nin comunicase a celebración en Santiago de Compostela neste Xacobeo dun encontro da organización americana de cooperación policial Ameripol
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

A Xunta solicita ao Goberno central concreción sobre a renovación do convenio de colaboración co Ministerio do Interior para completar a plantilla da Policía Autonómica. O Goberno galego agarda que se materialice o acordo pero descoñece se houbo avances ao respecto máis alá das declaracións de hoxe en Santiago de Compostela do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, anunciando que estaba a piques de pecharse pero sen concretar cantas prazas se van cubrir.

 

A Xunta leva solicitado de forma reiterada ao Ministerio do Interior a cobertura de prazas nesta Unidade que permita acadar os 500 efectivos previstos. Deste xeito, vén reclamando ao Goberno central que se convoque o correspondente concurso de prazas vacantes na Policía Autonómica co obxectivo de que esta poida prestar o servizo que os galegos e galegas teñen dereito unha vez asinado o novo convenio.

 

Cómpre lembrar que a plantilla da Policía Autonómica atópase ao 73% e, polo tanto, cun déficit de efectivos dispoñibles dun 26,6% con 367 efectivos respecto dos 500 postos do catálogo de persoal cos que debía de contar a Unidade.

 

A limitación dos efectivos desta Unidade repercute negativamente na prestación que esta unidade da a todos os galegos e galegas, condicionando os servicios que no marco das súas competencias desenvolve en toda a comunidade, sobre todo co aumento da afluencia de peregrinos que camiñan a Galicia neste Ano Santo Dobre do que xa transcurríu ano e medio.

 

Ademais das súas funcións habituais en materia de seguridade, a Policía Autonómica encárgase de actuacións relacionadas coa protección do medio ambiente e do patrimonio cultural, a prevención e investigación de incendios, a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención ao peregrinos.

 

Dende a creación desta Unidade hai tres décadas e a fixación no ano 1996 da súa dotación definitiva en 500 efectivos, o cadro de persoal da Policía Autonómica tivo o máximo número de efectivos no ano 2013, cun total de 474 membros. Dende ese ano o número de efectivos foi decrecendo paulatinamente ata os 367 actuais.

 

O ministro do Interior asistiu hoxe en Santiago de Compostela a una xuntanza de Ameripol, un organismo de cooperación policial para o continente americano, no que fixo referencia á importancia de reforzar a cooperación policial.

 

A Xunta lamenta que o Goberno central non comunicase nin invitase á Administración autonómica a un acto de relevancia internacional coma este no que participan representantes de numerosos países e que por parte da Administración autonómica recibirían a atención que merecen, tendo en conta, ademais, que a comunidade galega conta cunha unidade policial e competencias en materia de Interior.

 

Pese a que desde a Xunta se considera unha falta de respecto e unha deslealdade que o Executivo estatal non contase coa Administración autonómica neste acto, o Goberno galego manterá a lealdade institucional con todas as administracións e a Policía Autonómica a súa colaboración con todas as forzas e corpos de seguridade.