A Xunta destinou máis de 1,6 M€ aos concellos galegos para a compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a segunda convocatoria das axudas para o período 2022-2026 logo da realizada o ano pasado, da que resultaron beneficiarios 31 concellos galegos

As axudas cobren ata o 75% do custo total das cotas do renting, por un período máximo de 48 meses e un límite de 33.600 euros de subvención por concello

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron hoxe o Concello de Vilanova, ao que a Xunta destinou máis de 65.000 euros para a renovación da súa flota móbil con vehículos eficientes e non contaminantes
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 6 de xuño de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da segunda convocatoria de axudas aos concellos galegos para a compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de rentig para uso das policías locais, logo da realizada o ano pasado e da que resultaron beneficiarios 31 concellos galegos. En total, entre o 2021 e o 2022, a Xunta destinou 1,6M€ a unha iniciativa coa que se pretende colaborar na mellora do equipamento dos corpos policiais municipais e, ao mesmo tempo, renovar a súa flota móbil con vehículos máis eficientes e non contaminantes.

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, deu conta hoxe da apertura do prazo dun mes, a partir de mañá, 7 de xuño, para a presentación de solicitudes por parte dos concellos. Diego Calvo explicou as vantaxes deste sistema nun acto ao que acudiu en Vilanova de Arousa, concello que resultou beneficiario o ano pasado dunha iniciativa que ten como obxectivo dotar ás policías locais de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco e que o Goberno galego puxo en marcha ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

Os vehículos adquiridos mediante este sistema deberán ser coches patrulla tipo turismo ou todocamiño, adscritos ao servizo do corpo de policía local. As axudas van destinadas ás cotas mensuais que deba aboar o concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses. Financiarase ata un máximo do 75% do custo total, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de menos de 50.000 habitantes que teñan subscrito ou vaian subscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro do 2022 e que, ademais, teñan remitido ao Consello de Contas a conta xeral do ano 2020.

Diego Calvo recordou que estas axudas, que estarán vixentes ata o ano 2026, demostran “o compromiso da Xunta nun eido tan importante para a cidadanía como é o da atención ás emerxencias e á seguridade dos cidadáns”. Por outra banda, subliñou que estas achegas forman parte da orde do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros. “Estas axudas son posibles grazas á aprobación, no ano 2009, da lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e pola que foi creado o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para que os concellos galegos reciban unha contrapartida polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

O vicepresidente segundo subliñou que o Goberno galego conta con varias liñas para colaborar cos concellos galegos na mellora da calidade de vida da veciñanza. Como no caso das axudas das que botou man o Concello de Vilanova, para “impulsar a mobilidade sostible, contribuír ao aforro económico e enerxético dos concellos e colaborar na conservación do medio ambiente”, indicou Diego Calvo.    

A través do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta colabora cos concellos galegos na posta en marcha de proxectos destinados a evitar a degradación ambiental, na contratación de persoal e na adquisición de vehículos e maquinaria para a protección do medio ambiente, ademais de mellorar a rede de abastecemento de auga, de saneamento e do servizo de recollida de lixo, de levar a cabo actuacións de eficiencia enerxética e de emprego das enerxías renovables na luz pública, nas instalacións e edificios municipais e nos equipamentos de alta eficiencia enerxética. O FCA permite, ademais, colaborar cos concellos na compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

O Goberno galego investiu desde a posta en marcha do FCA en 2010 máis de 108 millóns de euros en máis de 2.300 proxectos.

Renovación do parque móbil en Vilanova de Arousa

O Concello de Vilanova adquiriu, grazas ás axudas do Goberno galego, dous coches para uso dos servizos de Obras e de persoal municipal, e outro polo sistema de renting para a Policía Local. En total, a Xunta destinou máis de 65.000 euros á renovación da flota móbil do Concello de Vilanova, colaborando coa Administración local na compra de vehículos eficientes e non contaminantes.

No primeiro caso, ao abeiro da liña de concorrencia competitiva do Fondo de Cooperación Ambiental, o Concello de Vilanova adquiriu dous vehículos eléctricos, xa que os operarios municipais estaban a traballar cun todoterreo e un furgón con moitos anos de antigüidade, o que daba lugar a un gasto excesivo en reparacións, ademais de ser moi contaminantes.

No segundo, a adquisición dun vehículo eléctrico para a Policía Local xustificouse no feito de que os axentes municipais percorren un termo municipal de 34 km2 moi disperso facendo uso, ata o de agora, de dous vehículos moi antigos, polo que precisaban renovar o seu parque móbil con coches eficientes e sostibles.

O Concello de Vilanova beneficiouse nos últimos anos de axudas por máis dun millón de euros destinadas a mellorar as infraestruturas municipais e dar un servizo óptimo á veciñanza, ademais de impulsar accións comunitarias e velar polo coidado medioambiental.

Imaxes relacionadas