A Xunta formará á totalidade dos técnicos e responsables das diferentes Oficinas Agrarias Comarcais sobre a Lei de recuperación da Terra Agraria de Galicia

O subdirector de mobilidade de terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural impartirá esta formación ao longo dos meses de xuño e xullo nas catro capitais de provincia

Cabe destacar o compromiso prioritario da Xunta coa permanente modernización e mellora das oficinas agrarias comarcais, poñendo en valor a súa condición de entidades colaboradoras para a aplicación efectiva desta lei no territorio galego
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 

A Consellería do Medio Rural formará á totalidade dos técnicos e responsables das distintas oficinas agrarias comarcais da nosa Comunidade sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como entidades colaboradoras para a aplicación efectiva desta norma no territorio galego. O encargado de impartir esta formación será o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Alejandro Sánchez de Dios.

 

Así, ao longo dos meses de xuño e xullo, o subdirector impartirá un conxunto de cursos de marcado carácter práctico sobre as características e a aplicación da Lei de recuperación nas catro capitais de provincia- A formación -que arrinca mañá en Pontevedra e finaliza o vindeiro 6 de xullo en Lugo- será de 10 horas totais, repartida en dúas xornadas.

 

Desta forma, consolídase o traballo destas oficinas, recuperando o seu papel de extensión agraria e de asesoramento público para favorecer o desenvolvemento da actividade dos agricultores e gandeiros. Así, cabe destacar a importancia da devandita lei para avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nestes, e tamén para ampliar a base territorial das explotacións.

 

Neste senso, a norma abrangue as solucións aos problemas máis recorrentes do rural galego a través de instrumentos que xa se atopan materializados sobre o terreo e que xa amosaron a súa funcionalidade na práctica. Un exemplo disto son as 19 aldeas modelo aprobadas na nosa comunidade, para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 parcelas de preto de 2.200 propietarios.

 

Tamén cómpre destacar os polígonos agroforestais, onde en dez deles xa se está a traballar en diferentes puntos de Galicia e noutros catro avánzase a través das súas primeiras fases. No seu conxunto, estes 14 polígonos suporán a posta en valor dunhas 4.400 hectáreas correspondentes a arredor de 18.500 parcelas de máis de 4.100 propietarios.

 

Estas ferramentas, xunto coas agrupacións de xestión conxunta, teñen como principal obxectivo impedir ou mesmo reverter o abandono no rural e resultan útiles tamén para protexer o medio ambiente, para crear emprego endóxeno e para facer prevención e defender as persoas e os seus bens dos lumes forestais. Na mesma liña, o Banco de explotacións é outro instrumento importante da lei para facilitar a remuda xeracional no agro. Así, configúrase como unha ferramenta de mediación para poñer en contacto e servir de ligazón entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co fin de garantir a súa continuidade.

 

Papel das oficinas agrarias comarcais

Para o desenvolvemento de todas estas utilidades, o papel das oficinas agrarias comarcais resulta fundamental, na súa condición de entidades colaboradoras para a súa aplicación. A maiores, cómpre lembrar que estas oficinas conectan co territorio e constitúen un servizo esencial para a poboación rural, de aí o compromiso da Xunta pola súa permanente modernización e mellora.

 

Actualmente Galicia conta cun total de 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio, nas que traballan preto de 500 persoas. Estas entidades, ademais de ofrecer información e asesoramento aos cidadáns, xestionan os diferentes trámites que os veciños do rural fan diante da Administración.