Fernández-Tapias apunta á implantación do Compliance como clave para a protección das empresas fronte aos riscos legais

A delegada territorial da Xunta participou na presentación do III Congreso Galego de Compliance que se celebrará o 16 de xuño en Vigo

Vigo, 6 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe o cumprimento legal e normativo como unha das claves para que as empresas, sexa cal sexa a súa dimensión, poidan mellorar a súa reputación corporativa, transmitir confianza e, en consecuencia, mellorar a súa competitividade.

Durante a súa intervención na presentación do III Congreso Galego de Compliance, o evento especializado que se celebrará o vindeiro día 16 de xuño no Círculo de Empresarios de Galicia, a representante autonómica resaltou que o cumprimento da normativa debe integrarse na cultura empresarial porque achega seguridade xurídica e facilita novas oportunidades para as compañías.

Fernández-Tapias salientou a elección de Vigo como sede das xornadas e indicou que o evento pode beneficiar tanto a pemes como ás grandes empresas. “Este congreso é fundamental para o mundo do dereito e para as empresas, porque a implantación do Compliance vai destinado a protexer ás persoas xurídicas fronte aos riscos penais e redunda en moitos máis beneficios, ademais de ofrecer control e seguridade para os clientes”, indicou.

O congreso inclúe relatorios e mesas redondas sobre a situación do compliance en dous campos: alimentación e comunicación. Así, os organizadores destacaron que achegará a nova forma de xestionar riscos legais, sobre os aspectos penais da imputación das persoas xurídicas ou sobre as problemáticas asociadas aos delitos económicos ou financeiros nas persoas xurídicas.

Diego Maraña, director do congreso, explicou que “o compliance está comenzando a ser un elemento de peso na cultura empresarial. A día de hoxe, as empresas deben de gravar no seu ADN o cumprimento normativo que debe erixirse como unha das pancas das súas políticas de RSC e de sostenibilidade”.

Pola súa banda, Alberto García Ramos, presidente de Agacom (Asociación Galega de Compliance), sinalou que “o cumprimento normativo é un sistema de xestión de riscos que xa se converteu nun elemento de gran importancia para as empresas”.

Imaxes relacionadas