A Xunta salienta o papel da ciencia e a innovación para construír a Galicia do mañá, intelixente e sostible

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do ensaio clínico do primeiro antiviral español contra a covid-19, que xa se está probando en pacientes

A Administración autonómica apoiou este proxecto tanto a través da Unidade Mixta impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e os laboratorios Esteve como a través doutras convocatorias un total de 2,62 millóns de euros

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación de Sigma4Covid, o ensaio clínico do primeiro antiviral español contra a covid-19, que a ciencia e a innovación está xogando un papel clave para superar o actual contexto, e que son tamén fundamentais para construír a Galicia da mañá, intelixente e sostible.

 

No acto, ao que asistiu tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Conde situou como un antecedente deste ensaio a Unidade Mixta que formaron a Universidade de Santiago de Compostela e os laboratorios Esteve, financiada pola Xunta, que, a través da Unidade Mixta e da convocatoria Fast-Track covid-19, destinou en total a este proxecto 2,62 millóns, cunha mobilización de investimento público-privado de case 7 millóns.

 

Na súa intervención, Francisco Conde sinalou que este ensaio clínico contribúe a dar solución a unha das máis graves emerxencias sanitarias nos últimos tempos, e faino desde a colaboración. Así, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) traballa conxuntamente co Hospital del Mar; o Instituto de Investigaciones Médicas de Cataluña (IMIM) e a Universidad Pompeu Fabra, co apoio dos laboratorios Esteve e o Centro de Investigación Welab de Barcelona.

 

O vicepresidente primeiro subliñou a necesidade de impulsar un ecosistema de ciencia e de I+D+i que estea conectado a retos como a medicina, a transición ecolóxica, o cambio climático ou o envellecemento activo, e lembrou que Galicia xa está traballado nestes obxectivos, a través da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía, que mobilizará 660 millóns de fondos públicos e privados.

 

Do mesmo xeito, sinalou que no marco das oportunidades que se abre cos fondos Next Generation, Galicia quere que a biotecnoloxía ocupe un lugar prioritario, e así se espera que o teña no Perte de Saúde de Vangarda anunciado polo Goberno central.

Imaxes relacionadas