A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou o centro naronés acompañada dos xefes territoriais de Educación e Medio Ambiente, Indalecio Cabana e Cristina Carrión

Martina Aneiros felicita aos alumnos do CPR Santiago Apóstol polo seu recente galardón na terceira edición do concurso de recollida de pilas ‘Pilabot’

A representante do Goberno galego tamén tivo palabras de recoñecemento para os docentes polo seu labor de “concienciación desde a escola sobre un dos residuos máis contaminantes”

Aneiros aproveitou a visita para coñecer as instalacións e outras iniciativas tamén ligadas ao medio ambiente como a horta que cultivan na parte traseira

Narón (A Coruña), 6 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, felicitou esta mañá en persoa aos alumnos do CPR Santiago Apóstol, de Narón, que hai escasas semanas se proclamaban gañadores da terceira edición do concurso escolar de recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores, ‘Pilabot’.

 

“Dá gusto comprobar como os valores da reciclaxe e a concienciación sobre a sostibilidade que onte se conmemoraban no Día Mundial do Medio Ambiente calan desta forma nos máis pequenos aos que teño que felicitar polo bo traballo realizado e o compromiso mostrado coa recuperación destes refugallos”, sinalou Martina Aneiros. Durante a súa visita estivo acompañada dos xefes territoriais de Educación, Indalecio Cabana, e Medio Ambiente, Cristina Carrión, e o director do centro, Miguel Hernández.

 

A representante do Goberno galego tamén tivo palabras de recoñecemento para os docentes polo seu labor de “concienciación desde a escola sobre un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares e que, no caso de non xestionarse correctamente, poden resultar moi perigosos”.

 

O alumnado do CPR Santiago Apóstol proclamouse gañador deste certame convocado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por ter recollido case cinco toneladas de pilas polo que recibirá un premio de 2.500 euros para a adquisición de material escolar ou deportivo.

 

Durante a visita ao centro, a delegada territorial tivo a oportunidade de coñecer outras iniciativas vinculadas co medio ambiente como a horta que posúen na parte traseira e na que enriquecen a súa formación académica cultivando hortalizas e verduras.

Imaxes relacionadas