Fernández-Tapias visita o centro de día de Beiramar da Xunta, no que Afaga atende a 40 usuarios con alzhéimer

A delegada territorial en Vigo tivo oportunidade de coñecer o centro especializado dependente da Consellería de Política Social e reunirse coa súa xunta directiva

Deste centro depende tamén a Unidade de Atención Terapéutica do Porriño con 24 prazas públicas máis; outras 15 correspóndense co servizo de estimulación de Mos

Vigo, 6 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais para tecer unha rede de atención o máis extensa e accesible posible, que exemplificou na labor desenvolvida pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga).

 

Así o asegurou coincidindo coa súa visita ás instalacións do Centro de Día de Beiramar, dependente da Consellería de Política Social e xestionado por Afaga a través dun convenio co departamento autonómico, no que se atenden a 40 usuarios e usuarias. Deste centro dependen tamén a Unidade de Atención Terapéutica do Porriño con 24 prazas públicas máis, ás que se suman outras 15 correspondentes ao servizo de estimulación que ofrece a entidade na Casa reitoral de Mos. Asemade, tivo ocasión de reunirse coa súa xunta directiva.

 

En conxunto, segundo informou a representante autonómica, as achegas destinadas pola Administración autonómica para os diferentes programas de apoio que ofrece Afaga elévase este ano a 133.000 euros, renovando así o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con Alzhéimer. Unha cantidade que se viu incrementada en 140.000 euros, correspondentes ao recadro social do IRPF nos anos 2020 e 2021.

 

Tras destacar que a Xunta mantén unha estreita colaboración con todo o tecido social vigués ao entender que son as entidades sociais as que mellor coñecen as necesidades e prioridades do sector, indicou que o Goberno galego continuará apoiando a todas os colectivos que busquen mellorar a vida das persoas maiores e as persoas con discapacidade, “pois representan un apoio fundamental”.

Imaxes relacionadas