O presidente da Xunta visitou hoxe a XXXIX Feira do Viño de Chantada

Rueda expón o sector vitivinícola como un dos motores clave da economía do rural galego

Chantada (Lugo), 5 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse hoxe ao sector vitivinícola como un dos motores clave da economía do rural galego e, moi especialmente, da Ribeira Sacra. Non en van, esta zona conta con 2.300 viticultores e 98 industrias e, o pasado ano, rexistrou unha produción de viño cualificado de máis de 3,7 millóns de litros, cun valor económico de 21 millóns de euros.

Durante unha visita á XXXIX Feira do Viño de Chantada, Rueda garantiu o compromiso da Xunta co sector, tanto na súa aposta pola calidade, a internacionalización e a innovación, como tras episodios como o rexistrado hai algúns días na comarca por mor do pedrazo. Desde o primeiro momento, técnicos da Administración autonómica desprazáronse á zona para avaliar danos e xa se están coordinando medidas paliativas.

Sobre este punto, cómpre salientar as axudas convocadas polo Goberno galego para fomentar os seguros agrarios, que se fan cargo dos danos nas plantacións por este tipo de incidencias.

Así mesmo, a posta en marcha doutras iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas; a Lei de calidade alimentaria e a Lei de recuperación da terra agraria, coa que reactivar parcelas en desuso ou abandonadas, contribuirán a seguir fortalecendo un sector estratéxico para Galicia.

Imaxes relacionadas