Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a mellora do firme en 6 estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de máis de 2,4 M€
A Xunta prevé comezar as obras a finais de agosto ou setembro e rematalas este ano
Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, en Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 14 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas da provincia da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,4 millóns de euros.
A Xunta prevé comezar os traballos a finais de agosto ou en setembro, co fin de telos rematados este mesmo ano.
As actuacións que se van levar a cabo consisten na rehabilitación do firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, que discorren polos concellos de Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía.
Realizaranse fresados localizados nos treitos de actuación e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.