Máis de 228.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo 2014-2020
O 70% das persoas beneficiadas son mulleres
Desde o inicio do programa aprobáronse 176 operacións por importe de 505,89 millóns de euros en todos os eixes de actuación
Un total de 228.391 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FSE 2014-2020. Delas, 159.709 son mulleres, o que supón o 69,93% das persoas beneficiadas. A participación sobre o exercicio anterior incrementouse un 30% (53.086 persoas máis que ata o 31 de decembro de 2020). Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación, e loitar contra a pobreza e a discriminación.
Desde o inicio do período de programación, aprobáronse 176 operacións por importe de 505,89 millóns de euros en todos os eixes de actuación. No eixe 1B centrado no fomento do emprego sostible e de calidade, destaca o programa de incentivos á promoción do emprego autónomo, que permitiu crear o seu propio negocio a máis de 3.100 persoas
No eixe 2B de promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, reforzouse o apoio a entidades de iniciativa social e corporacións locais para actuacións de inclusión social, así como as actividades para a inserción sociolaboral de xoves tutelados (Programa Mentor). Destacan tamén o plan especial de reforzo de persoal técnico para a valoración da dependencia e as cinco sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.
No referido ao investimento para conseguir unha educación de calidade (eixe 3B), seguiron desenvolvéndose no curso 2020-2021 programas como o de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR) en 82 centros educativos, os ciclos medios de Formación Profesional con máis de 2.880 persoas formadas en 2021, as axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades galegas ou o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral de 958 persoas o pasado exercicio.
En 2021 incorporáronse ao Programa Operativo os recursos REACT-UE da anualidade 2021 nun cuarto eixe específico, como parte da resposta da Unión Europea á Covid-19, o que permitiu seleccionar operacións centradas en paliar os efectos da pandemia e, en particular, garantir -con diversas liñas de axudas- o mantemento da actividade e do emprego, beneficiando a máis de 4.300 microempresas e a 15.213 persoas traballadoras autónomas. Tamén se puxeron en marcha liñas de axudas para o emprendemento feminino e o fomento da conciliación familiar.
Comité de seguimento
O informe anual de execución 2021 que recolle estes datos, presentouse no Comité de seguimento do Programa Operativo FSE 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio, que se celebrou recentemente de xeito telemático.
Por parte da Xunta de Galicia presidiu a reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó; e contou con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Participaron igualmente representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia e das principais organizacións económicas, sociais e do terceiro sector.