A Xunta abre o prazo para incorporar 25 novos centros públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

O orzamento total elévase a case 1,6 M€ a distribuír entre os colexios e institutos que se sumen e os 729 xa participantes no programa

A iniciativa enmárcase no novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta que guía todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025

A convocatoria volve dar prioridade aos centros do rural
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). O orzamento total da convocatoria, que contempla tanto os colexios e institutos de nova incorporación como os que continúan participando na iniciativa, elévase a 1,6 €, 25.000 € máis ca no actual ano académico. Nestes momentos forman parte desta rede un total de 773 centros, dos que 729 son públicos e 44 concertados.

Un ano máis convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volve dar prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, terán preferencia os situados en concellos de menor poboación.

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros integrados no programa en convocatorias anteriores, poderán destinar a asignación a fondos, a mobiliario e outros equipamentos (os incorporados nas convocatorias 2008-09 a 2012-13 e 2021-22) ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca (centros integrados na convocatoria de 2021/22).

Librarías próximas e atención á diversidade

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.

Solicitudes ata o 30 de xuño

O prazo límite de presentación de solicitudes é o 30 de xuño. Farase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación pode empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365.

Plan LÍA

Esta convocatoria enmárcase no novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta que guía todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025. A nova estratexia constrúese sobre sete puntos ou áreas clave, como son o crecemento da rede de bibliotecas escolares de Galicia e a renovación dos seus recursos; a biblioteca social, incidindo nunha maior inclusión; a construción de redes de colaboración, avaliación e comunicación entre os axentes da sociedade lectora; o uso das bibliotecas como laboratorios de creatividade na aprendizaxe; o estímulo da lectura entre toda a comunidade educativa; a alfabetización mediática e informacional e a innovación metodolóxica formativa, impulsando novas pedagoxías en torno á propia biblioteca.

Cada un destes sete puntos clave desenvolveranse en diferentes liñas de actuación, que incluíran o reforzo de proxectos de éxito neste ámbito como o propio Plambe, así como o lanzamento de novas iniciativas.