O Xacobeo e Pequestrelas alíanse para descubrir o talento emerxente con acento vigués

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o promotor do concurso, Kike Corbacho, presentaron hoxe unha nova edición deste certame, que arrancará o vindeiro día 9 coas audicións e rematará o 8 de xullo cunha gala final

Máis de 500 artistas de distintas disciplinas e con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos afanaranse por convencer ao xurado de que son os mellores
 

Vigo, 3 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a singularidade do concurso vigués Pequestrelas e o seu papel como plataforma de impulso para os artistas emerxentes. Así, incidiu na importancia da alianza entre o Xacobeo e o certame co obxectivo de descubrir novos talentos con acento vigués.

“É un desafío para os 500 nenos e nenas e mozos e mozas que se presentarán ás audicións, pero tamén unha oportunidade de demostrar o grande talento que esconde esta cidade”, aseverou a representante autonómica durante a presentación celebrada esta mañá na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.

Acompañada por Kike Corbacho, promotor do evento e director da produtora galega de televisión Linea Press, Fernández-Tapias convidou a dar un paso adiante e presentarse ás audicións que se celebrarán os vindeiros 9, 16, 23 e 30 de xuño, como antesala da gala final que terá lugar o 8 de xullo nos exteriores do edificio administrativo.

O concurso abarca todo tipo de disciplinas artísticas, desde interpretación e canto, ata baile, floclore ou maxia. Os participantes, cerca de medio millar segundo os cálculos da organización, terán que afanarse ao máximo para ser elixidos entre os mellores. O xurado terá que seleccionar entre 40 actuacións cales pasarán á fase final.

En xogo, bolsas para cursar estudos musicais no Conservatorio Mayeusis, a gravación dun videoclip profesional, unha maqueta ou entradas para o Parque Warner de Madrid. Os participantes obterán un diploma co logotipo da Xunta de Galicia que acreditará a súa participación no concurso.

En canto ao xurado, acompañará aos representantes da Xunta e de Linea Press o cantante lírico Faustino López, finalista en “Tú si que vales” gracias a súa interpretación de “Violetas Integrales”, unha experiencia que tivo oportunidade de contar na presentación.

Asemade, o acto deste venres contou coa presenza de Rubén de Sa, participante na primeira edición de Pequestrelas e hoxe director de “DanSa”, a escola de danza que, tal e como recordou Fernández-Tapias, destacou cun primeiro e un segundo premio no Vigo Porté-Trofeo Internacional de Baile Xacobeo 21-22 recentemente celebrado no Auditorio Mar de Vigo. 

Tamén asistiron a cantante Laura Marino, unha habitual do programa de televisión “Festeiros”, e Candela Fernández Rajoy, que se estrea na edición deste ano de Pequestrelas. Ambas as dúas ofreceron un pequeno directo no acto de presentación. 

As audicións serán a porta aberta ao público coa limitación do aforo pertinente e a gran final retransmitirase en directo vía streaming para que todo o mundo poda vela. As inscricións para participar deberán realizarse a través das redes sociais de Pequestrelas, no teléfono 617306234 ou no correo electrónico lineaprensaeuropa@gmail.com.

Imaxes relacionadas