A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou vía telemática este acordo para a xestión da instalación municipal durante os dous vindeiros anos
A Xunta asina co Concello de Ortigueira o convenio polo que Augas de Galicia continuará a xestionar a depuradora municipal, destinando un investimento de máis de 385.000 €
A Xunta mantén o apoio á entidade local nas súas competencias para garantir o funcionamento desta instalación, tras destinar desde 2005 case 2,4 M€ á xestión da planta de tratamento de augas residuais do municipio
O traballo da entidade hidráulica da Xunta permitirá seguir garantindo que as augas residuais do concello reciban o tratamento axeitado
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, asinou vía telemática o convenio de colaboración co Concello de Ortigueira, polo que a Xunta de Galicia continuará a facerse cargo da xestión da depuradora de augas residuais de titularidade municipal, á que destinará un investimento de máis de 385.000 euros.
Mediante este acordo, Augas de Galicia e o Concello de Ortigueira prorrogan o convenio de colaboración durante os dous vindeiros anos, polo que a entidade hidráulica da Xunta asume a explotación da depuradora municipal ata o día 30 de maio de 2024.
O departamento que preside Ethel Vázquez atende así á vontade manifestada polo Concello de Ortigueira de que Augas de Galicia continúe a xestionar e explotar as instalacións e, en consecuencia, a prestación do servizo de depuración de augas residuais de competencia municipal.
Desde o inicio da colaboración con este municipio, a Xunta leva investidos case 2,4 millóns de euros na xestión da depuradora municipal.
En virtude deste novo convenio, a Xunta comprométese a seguir coa xestión das instalacións da depuradora de augas residuais de Ortigueira nas condicións técnicas axeitadas á súa capacidade e deseño e ás exixencias ambientais vixentes, realizando as actuacións oportunas para a súa axeitada conservación e mantemento.
A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.
Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 28 estaciones depuradoras de augas residuais.
O Goberno galego impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, agora mesmo en trámite parlamentario e que se prevé que entre en vigor en verán. A través desta lei, a Xunta porá á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.