A Xunta licitará de novo a primeira fase de San Paio de Navia para dar as máximas garantías ás empresas trala suba de prezos dos materiais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu actualizar as contías económicas do procedemento que foi publicado o pasado 23 de marzo

A adxudicación dos traballos para poder acondicionar o polígono 1 da ampliación de Navia dependen da aprobación definitiva do proxecto, un trámite que o Concello de Vigo non cumpriu aínda case 3 meses despois de aprobar inicialmente o documento

Así mesmo, e a pesar de que o pasado 24 de marzo o alcalde de Vigo anunciou a aprobación inicial das fases 2 e 3, nestes momentos os únicos que contan con ese trámite superado son os polígonos 1 e 2B
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia volverá licitar de novo as obras para urbanizar o polígono 1 de San Paio de Navia, en Vigo co fin de poder adaptar as condicións do contrato inicial ao incremento de prezos que experimentaron as materias primas da construción nos últimos meses e para outorgar a máxima seguridade xurídica ás empresas que opten ao contrato, ante a dilación do Goberno local para aprobar de forma definitiva o proxecto.

 

A decisión foi publicada hai uns días na plataforma de contratación de Galicia, despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considerase que o máis apropiado era actualizar a licitación iniciada o pasado 23 de marzo —por un importe de case 11,5 millóns de euros— para proceder a actualizar os prezos do contrato e volver licitar a obra con todas as garantías.

 

Cómpre precisar que para poder adxudicar e iniciar a urbanización da primeira fase de Navia é necesario que o proxecto presentado en abril do ano 2021 polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sexa aprobado definitivamente polo Concello de Vigo.

 

Sen embargo e a pesar de que o Goberno local anunciou a comezos de marzo a aprobación inicial da urbanización da primeira fase, a día de hoxe o documento segue pendente de recibir o visto e prace municipal definitivo, é dicir, case tres meses despois.

 

A incerteza xerada pola dilación coa que actúa o Concello unida ao aumento nos últimos meses dos custos de certos materiais que supoñen unha parte importante do proxecto, levaron incluso á Federación Galega da Construción a presentar un escrito ante o IGVS advertindo da situación de inseguridade que se estaba a producir.

 

Por iso, a intención do organismo autonómico é iniciar un novo procedemento de licitación unha vez modifique o proxecto para adecuar os prezos á realidade actual do mercado. Deste xeito, preténdese evitar que os posibles atrasos municipais na parte da tramitación que lle corresponde volvan condicionar o procedemento de adxudicación das obras de urbanización.

 

A ampliación do barrio de San Paio de Navia divídese en tres fases e permitirá habilitar a maior bolsa de solo residencial de toda Galicia. Só no polígono 1 están proxectadas 733 vivendas protexidas —das 1.600 previstas en todo o ámbito—, cuxas obras se poderán acompasar ás da urbanización. Deses inmobles, 207 son de promoción pública; 331 serán levantados por cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.

 

Sen embargo e a pesar da importancia do proxecto para a cidade, o Concello de Vigo tardou practicamente un ano en aprobar inicialmente o proxecto de urbanización do polígono 1, un período durante o que realizou multitude de requirimentos que foron dilatando a tramitación e, nalgúns casos, mesmo supuxeron cambios de criterio ou a inclusión de elementos que non foran solicitados con anterioridade.

 

Así, para adaptarse á preferencia manifestada polo Concello, a Xunta aceptou cambiar toda a rede de abastecemento de polietileno a fundición, un xesto de boa vontade co fin de tentar desbloquear a tramitación dos proxectos. De igual xeito, o IGVS tamén se adaptou ás preferencias manifestadas a posteriori polo Concello con relación á capa de rodadura dos viarios, incrementando o seu espesor por encima do que esixe a normativa.

 

Estes dous cambios solicitados polo Goberno local, máis aló das esixencias legalmente establecidas, obrigaron aos redactores a facer novos cálculos e a adaptar os tres proxectos orixinais, ademais de supoñer un aumento dos custos que, sumado á suba dos materiais de construción, ascendeu en total a 2,4 millóns de euros. Unha contía que volverá a verse incrementada unha vez se revisen os prezos de licitación do polígono 1.

 

Así mesmo, e a pesar de que o pasado 24 de marzo o alcalde de Vigo anunciou a aprobación inicial das fases 2 e 3, nestes momentos os únicos que contan con ese trámite superado son os polígonos 1 e 2B.

 

Todos os detalles, correccións e requirimentos esixidos por parte do Concello foron respondidos polo IGVS hai meses e están consensuados entre os técnicos de ambas administracións, polo que o único responsable de que non estean aprobados inicialmente os polígonos 2A e 3 nestes momentos é o Goberno local de Vigo.