A Xunta publica a listaxe provisional de admitidos nas bolsas de personal interino para cubrir postos de persoal funcionario na Administración de Xustiza

As bolsas de traballo e de reserva estarán conformadas por un total de 1.015 prazas, 217 máis que na convocatoria anterior

A modificación da orde de 2018, negociada entre a Xunta e as organización sindicais, mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou a flexibilización dos requisitos para o acceso a bolsas de traballo

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022.- A Xunta publica hoxe a listaxe provisional de persoas admitidas na convocatoria de bolsas de traballo de persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia da que se recibiron máis de 5.700 solicitudes para optar a un total de 1.015 prazas.

Son 217 vacantes máis que na convocatoria anterior aumentando de forma proporcional o número de integrantes da bolsa atendendo ás necesidades de contratación, das que 609 delas corresponden á bolsa de traballo e 406 para a de reserva.

Trátase de 240 prazas na categoría de xestión procesual e administrativa -144 de traballo e 96 de reserva-, outras 435 para a de tramitación procesual e administrativa -261 para a bolsa de traballo e 174 para a de reserva- e un total de 340 para as de auxilio xudicial, das que 204 son da bolsa de traballo e as 136 restantes para a de reserva. Por provincias, destaca A Coruña cun total de 443 prazas, seguida de Pontevedra con 352, Lugo con 113 e Ourense con 107.

A convocatoria desenvolve o procedemento de solicitude para a inclusión nas bolsas de persoal interino na Administración de Xustiza, unha vez publicada a finais do ano pasado a modificación da orde de 2018 sobre a selección e o nomeamento deste persoal tras a negociación entre a Xunta e as organizacións sindicais.

 

Deste xeito, flexibilízanse os requisitos para acceder á bolsa respecto da convocatoria do 2018, atendendo a circunstancias como a creación de novos órganos xudiciais, o incremento dos plans de reforzo motivados pola elevada carga de traballo dos xulgados ou o elevado número de xubilacións voluntarias, que aconsellan dispor dun maior número de integrantes para dar cobertura ás necesidades actuais de provisión de postos desocupados.

 

A apertura da nova bolsa tamén mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, ou a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou rendemento, entre outros aspectos.

O persoal solicitante que, admitido definitivamente, non se integre nin na bolsa de traballo nin na de reserva do correspondente corpo, por exceder o número de integrantes fixado, quedará nunha lista de persoas baremadas á que se poderá recorrer de esgotarse as ditas bolsas. O prazo de presentación de alegacións rematará o próximo 17 de xuño.