O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, informou hoxe en Comisión 5ª sobre a situación do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia

Galicia consolídase como unha das comunidades autonómicas con maior porcentaxe de persoas dependentes atendidas

A nosa Comunidade conta na actualidade con máis de 66.000 dependentes atendidos, o que sitúa a ratio de cobertura no 95%

Os incumprimentos do Goberno central en canto ao financiamento dos servizos ao que está obrigado por lei, supón para Galicia deixar de ingresar 150 millóns de euros ao ano cos que se podería chegar a máis dependentes

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe que Galicia conta na actualidade con máis de 66.000 persoas dependentes atendidas fronte as 14.000 que había no ano 2009. Díxoo esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que lamentou que o Goberno central siga sen cumprir a súa obriga de financiar o 50% dos servizos neste ámbito, tal e como establece a Lei de Dependencia.

 

Antón Acevedo explicou que esta falta de financiamento do Estado supón para Galicia deixar de ingresar 150 millóns de euros anuais cos que se podería chegar a máis dependentes. Aínda así, a ratio de cobertura da Comunidade Autónoma sitúase hoxe no 95%, o segundo máis alto de toda España.

 

Nesta liña, o Goberno galego márcase o obxectivo de seguir a mellorar a atención a este colectivo. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria apuntou que con este fin púxose en marcha un Plan de choque baseado, entre outras medidas, na simplificación administrativa e normativa; a mellora na xestión das citas; o incremento da achega da Xunta ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou un importante reforzo de persoal dos equipos de valoración, con 36 novos profesionais.

 
Axilización e simplificación do proceso

Neste contexto de avanzar na atención á dependencia, Antón Acevedo enmarcou o novo Decreto de Dependencia no que está a traballar o Executivo autonómico, que persegue como obxectivo principal reducir o tempo medio de atención, mediante a axilización, simplificación e ordenamento do procedemento.

 

Ao respecto, algunhas das novidades que incorpora este texto normativo son: a simplificación da documentación a presentar coa solicitude, pasando de 12 documentos a soamente dous (o informe médico e social); tramitarase nun único procedemento a resolución do grao de dependencia e a asignación do recurso; ou a posibilidade de solicitar praza na residencia que se prefira sen restricións xeográficas.

 
Reforzo dos equipos de valoración da discapacidade

Ademais de abordar a situación da atención á dependencia, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria respondeu en Comisión 5º a unha pregunta sobre a atención á discapacidade. Neste sentido, expuxo que para reducir os tempos de resposta ás solicitudes, a Xunta estableceu en 2018 un plan de acción que, ao igual que no caso da dependencia, fundamentouse no reforzo de persoal, a simplificación administrativa e o incremento orzamentario.

 

Así, a través deste plan simplificouse o modelo de solicitude da discapacidade evitando a achega de documentación á que se poida ter acceso se o demandante autoriza a súa consulta e puxéronse en marcha de 17 novos equipos multidisciplinares de valoración da discapacidade. Grazas a estas e outras medidas implantadas, no ano 2021 acadouse a cifra récord de máis de 36.100 valoracións, o que representa un 58% máis que catro anos atrás.

Imaxes relacionadas