A Xunta clausura no IES Montecelo de Pontevedra as nove competicións do I Campionato Galego de Formación Profesional Básica

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, asistiu á derradeira proba deste certame, na modalidade de Peiteado e Estética, no que tomaron parte 111 alumnos de toda Galicia e que contou con nove disciplinas atendendo aos distintos ciclos formativos

Este novidoso campionato dos módulos da FP básica súmase ao GaliciaSkills, tamén impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e orientado ao alumnado e as ensinanzas de grao medio e superior

“Estas primeiras olimpíadas específicas da FP básica pretenden proxectar e difundir a Formación Profesional de gran nivel que temos en Galicia para que, especialmente a mocidade, a contemple como opción de futuro con grandes perspectivas laborais”, sinalou Luis López
 

Pontevedra, 2 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, está a clausurar, na xornada de hoxe, o I Campionato Galego de Formación Profesional Básica FPBasicaSkills 2022, que contou con nove competicións e que se pecha coa de Peiteado e Estética no IES Montecelo de Pontevedra.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, asistiu ao comezo desta xornada, que se prolongará durante case oito horas con tres probas diferentes para os oito alumnos participantes, procedentes de toda Galicia.

“Estas primeiras olimpíadas específicas da FP básica complementan as que xa se celebran en torno aos ciclos formativos de grao medio e superior e comparten o obxectivo de proxectar, poñer en valor e difundir a Formación Profesional de gran nivel e máxima calidade, recoñecida en toda España, que temos en Galicia para que, especialmente a mocidade, a contemple como unha magnífica opción de futuro para formarse como persoas e profesionais e tamén para adentrarse no mercado laboral con grandes perspectivas de atopar un traballo”, sinalou o representante autonómico.

As novidosas competicións da FPBasicaSkills 2022 dan continuidade ás xa consolidadas olimpíadas GaliciaSkills, que están orientadas aos ciclos medios e superiores, e nesta primeira edición contaron coa participación de 111 alumnos nas nove competicións celebradas dende finais do mes de maio.

Os estudantes amosaron as súas destrezas en dúas competicións de Servizo de Restauración e Xardinaría e Viveirismo, orientadas aos matriculados en programas formativos básicos; e outras sete de FP básica correspondentes cos módulos de Carpintaría e Moble, Artes Gráficas, Electrónica e Electricidade, Mantemento de Vehículos, Peiteado e Estética, Agroxardinaría e Floristería. Cómpre sinalar que estas dúas últimas tamén tiveron lugar no IES Montecelo en días pasados.

A competición de Peiteado e Estética, a derradeira desta xeira no marco das olimpíadas FBasicaSkills 2022, consistiu en tres probas distintas que van ser avaliadas por un xurado composto por nove persoas e dirixido por Rosa María Freire. As alumnas participantes nesta final son Yoana Naya (CIFP Someso), Yolanda Argibay (CPR Salesianos A Mercé), Aya Menai (CPR Santo Cristo), Andrés dos Santos (IES 12 de Outubro), Ángela Mosquera (IES de Teis), Naiara Ameal (IES Montecelo), Aroha Sangiao (IES Muralla Romana) e Eylen Sofía Rodríguez (IES Ricardo Carvalho Calero).

Imaxes relacionadas