O director de Industrias Culturais da Xunta presenta o programa ‘Territorio Cultura’ nun foro rural en Asturias

Galicia é a primeira Comunidade en poñer en marcha estas subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas a través de fondos europeos

Jacobo Sutil participa como relator no encontro que se está a celebrar na localidade asturiana de Navia, onde detallou as particularidades da adaptación desta iniciativa ao contexto galego

Navia (Asturias), 1 de xuño de 2022

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, interveu como relator na xornada inaugural do V Foro Cultura y Ruralidades, que se celebra ata o vindeiro venres na localidade asturiana de Navia e ao que foi convidado polo Ministerio de Cultura e Deporte para compartir cos asistentes os detalles do programa galego Territorio Cultura.

Galicia é a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha esta iniciativa, a través da súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Precisamente, a quinta edición do foro estatal está a poñer o foco neste programa inédito de axudas pola oportunidade que ofrece para impulsar, a través da colaboración entre o sector público e o privado, un ecosistema cultural diverso, sólido e estable nas zonas rurais.

Investimento de preto de 1,26 millóns de euros

Así pois, esta é tamén a prioridade de Territorio Cultura en Galicia, tal como incidiu Sutil na súa intervención, na que detallou as particularidades da súa adaptación ao contexto galego cun investimento previsto próximo aos 1,26 millóns de euros. O Cine Fantasio foi o escenario do seu relatorio, onde compartiu mesa con Adriana Moscoso del Prado, directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura e Deporte, e con Pablo León Gasalla, director xeral de Cultura e Patrimonio do Principado de Asturias.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou o importante alcance que este plan de axudas pode ter na nosa Comunidade, atendendo tanto á súa vertebración administrativa e xeográfica, cunha gran dispersión demográfica, como á riqueza e vixencia das tradicións culturais propias. De feito, explicou, dos 313 municipios galegos, son máis de dous terzos os que reúnen os requisitos de Territorio Cultura, pensado para iniciativas que se leven a cabo en concellos de non máis de 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2.

A primeira convocatoria deste programa da Xunta, para a que o prazo de presentación de solicitudes finaliza este venres día 3, dotouse con preto de 630.000 euros para propostas que se desenvolvan ata o 31 de marzo de 2023 e ten prevista a súa continuidade cunha segunda quenda polo mesmo importe. Subvencionaranse, entre outros, eventos e espectáculos nunha ampla variedade de manifestacións artísticas, proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural cunha concreción práctica no territorio, actividades relacionadas co patrimonio inmaterial en conexión coas tendencias contemporáneas e accións educativas e de mediación cultural.

Iniciativas de éxito en Galicia

O responsable de Industrias Culturais da Xunta referiuse a diferentes iniciativas culturais que xa funcionan con éxito no medio rural galego, algunhas delas presentes tamén no V Foro Cultura y Ruralidades. Detívose especialmente no Festival de Cans (O Porriño) no ámbito audiovisual, no Festival de la Luz (Boimorto) en música e no espazo A Casa Vella (Allariz) en artes escénicas, ademais de referirse ao Festival dos Eidos no Caurel, o Bal y Gay en Foz, ou ao proxecto do cineasta Oliver Laxe nos Ancares, entre outros.

Para Sutil, Territorio Cultura exemplifica as iniciativas públicas para a recuperación das industrias culturais galegas, tras unha primeira fase urxente de reactivación á que o Goberno galego contribuíu cun plan extraordinario de apoio ao sector fronte aos efectos da pandemia. Nesta segunda etapa e xunto cos seus programas habituais de fomento e promoción cultural, a Xunta conta tamén con financiamento europeo para o conxunto de medidas do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, que suporá un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023, ademais de para outras liñas do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia, como as axudas á modernización de espazos de exhibición escénica e de salas cinematográficas