A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe nunha xornada organizada polo clúster Viratec en vésperas do Día mundial do medio ambiente

Ángeles Vázquez subliña a importancia de que empresas e sociedade se sumen á Alianza Galega polo Clima

Rois (A Coruña), 1 de xuño de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, clausurou hoxe a xornada organizada no Pazo do Faramello polo Clúster galego de solucións ambientais e economía circular (Viratec) co gallo do Día mundial do medio ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

 

Acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a conselleira subliñou durante a súa intervención a colaboración fluída entre a Xunta de Galicia e Viratec, que proximamente entrará a formar parte da Alianza Galega polo Clima, una iniciativa que sumará esforzos e sinerxías de toda a sociedade galega na loita contra o cambio climático.

 

Ademais, a conselleira explicou que o Goberno autonómico está tramitando a que será a futura Lei do clima de Galicia, que actualmente se atopa en fase de estudo das alegacións presentadas durante a consulta previa. Esta norma será a primeira que recoñeza como obriga legal alcanzar a neutralidade climática en Galicia en 2050.

Imaxes relacionadas