A Xunta pon en valor o labor da aula de produtos lácteos da Universidade de Santiago en liña coa aposta pola formación e investigación da estratexia de dinamización do sector

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou as instalacións da USC co gallo do Día mundial do leite

José Balseiros comparou o traballo deste centro tecnolóxico a prol da industria láctea coas medidas que propón a Estratexia sectorial da Xunta para fomentar a transferencia de coñecemento e o valor engadido
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022.-

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este mediodía as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde louvou o seu traballo a prol da mellora da industria alimentaria en liña coa aposta pola formación e investigación que contempla a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

 

En concreto, esta Aula da USC persegue potenciar a industria láctea mediante a xeración de novo coñecemento a través de liñas propias de I+D+I, prestación de servizos tecnolóxicos, desenvolvemento e mellora de produtos, formación, asesoramento técnico ou apoio a novas iniciativas empresariais. Nese senso, o director xeral recordou que a Estratexia sectorial da Xunta recolle unha serie de medidas para responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector, para impulsar todos os elos da cadea de valor do leite mediante a xeración de valor engadido que nos consolide como potencia produtiva.

 

A visita de José Balseiros á Aula de Produtos Lácteos coincide coa celebración do Día mundial do leite, data proclamada pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), co obxectivo de tratar cuestións relacionadas co sector leiteiro e para incentivar o consumo de leite.

Imaxes relacionadas