A conselleira do Mar participou na inauguración do Congreso Anual de Prácticos de Porto

Rosa Quintana destaca o valor dos portos e do servizo de practicaxe na protección do mar

A titular de Mar agradeceu á organización que escollese a Vigo como sede do Congreso Anual de Prácticos de Porto e subliñou que é unha das capitais pesqueiras europeas por antonomasia

Vigo, 31 de maio de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o valor dos portos e do servizo de practicaxe na protección do mar e no coidado da operativa diaria nos peiraos e destacou a riqueza de Galicia neste ámbito. Nesta liña, sinalou que estas infraestruturas son prioritarias para o desenvolvemento das localidades nas que se asentan e salientou a necesidade de que estean á vangarda.

Así o expuxo durante a inauguración do Congreso Anual de Prácticos de Porto, que acolle Vigo desde hoxe ata o venres. Alí tamén destacou a vocación marítimo-pesqueira da comunidade galega e a importancia do papel dos profesionais de practicaxe no asesoramento relacionado co rumbo das embarcacións.

Ademais a titular de Mar agradeceu á organización que escollese a cidade olívica como sede deste congreso anual e subliñou que Vigo é a primeira cidade de Galicia en termos industriais e unha das capitais pesqueiras europeas por antonomasia.

Engadiu tamén que, a través deste evento, Vigo se converte estes días en escaparate da relevancia do sector portuario e que os peiraos son espazos de vida comunitaria que van máis alá das súas infraestruturas e do intercambio comercial. Trátase de lugares de encontro social que xeran cohesión no global e inclusión no local tendo como eixo o valor do mar, incidiu.

O Congreso

O Congreso Anual de Prácticos de Porto está organizado pola Corporación de Prácticos do Porto e Ría de Vigo, o Colexio Oficial Nacional de Prácticos de Porto e a Federación de Prácticos do Porto de España. A edición deste ano celébrase desde hoxe ata o próximo venres.

Imaxes relacionadas