A Xunta presenta o campo de voluntariado ‘Aldea Alfacuca’ que se celebrará en Mos entre o 26 de xullo e o 6 de agosto

Esta proposta destinada a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos estará centrada no coidado do medioambiente

É unha das novas actividades que se inclúen na campaña ‘O verán que queres contar’ do Goberno galego

En total, son 45 os campos de voluntariado que se celebrarán nesta época estival en Galicia
 

Mos (Pontevedra), 31 de maio de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron o novo campo de voluntariado Aldea Alfacuca que terá lugar entre o 26 de xullo e o 6 de agosto nesta localidade pontevedresa. Esta proposta, destinada a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, forma parte da campaña O verán que queres contar da Xunta de Galicia.

 

O campo de voluntariado Aldea Alfacuca contará con 15 prazas e estará centrado principalmente no coidado do medio ambiente. Estará localizado na parroquia de Louredo, onde se atopa unha aldea restaurada con edificacións datadas ao redor de 1670.

 

As mozas e mozos que formen parte desta actividade poderán participar na creación dunha horta biointensiva, nun composteiro para uso veciñal ou no deseño dun pequeno museo etnográfico e dunha Aula da Natureza, entre outros aspectos relacionados coa natureza.

 

Ademais diso, os participantes poderán realizar outras actividades complementarias como visitas a Porriño, a Vigo, a Redondela, á Illa de San Simón ou a Valença do Miño. Tamén terán unha programación para impulsar a convivencia a través de celebracións e foliadas. As inscricións están abertas na páxina web de Xuventude.

 

A maior oferta de verán da historia

Así mesmo, Cristina Pichel tamén destacou que a oferta da campaña de verán para este ano é a máis alta da historia, ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Este ano, a Xunta de Galicia pon en marcha 45 campos de voluntariado polas catro provincias, dos cales 9 son novidade.

Imaxes relacionadas